O flamenquismo madrileñista

No primeiro terzo do século XX, algúns intelectuais, españois de nación, definiron unha característica psicosocial do seu país que denominaron, de forma crítica, flamenquismo. O flamenquismo consiste na propensión á fachendosa altivez, á desconsideración do que se ignora, unha groseira manifestación de chulería contra todo o estraño, que non se acomoda aos gostos propios. Flamenquismo e touros andaban emparellados entón: nas corridas manifestábase, de forma teatral, este risco social, tanto na altivez presuntuosa do señorío que as presidía, como na arrogancia, para escorrentaren o medo e exhibiren un voluntarismo irracional, dos toureiros. Tamén no balbordo iracundo ou traxicómico, da masa, desgarrada entre o aplauso ás piruetas e a avaricia de sangue. Un dos máis senlleiros daqueles intelectuais foi Eugenio Noel (1885-1936), escritor madrileño, republicano, socialista e anticlerical, a quen a oficialidade española castigou cunha mesta capa de silencio após a morte, como o perseguiu en vida con todas as andrómenas ao seu alcance. Tivera a ousadía de escribir e falar contra o flamenquismo e as corridas de touros, elevados a símbolos “nacionais”, por os considerar síntomas moi negativos da conciencia e a sensibilidade social española.
O Congreso dos Deputados vén de aprobar unha lei que entroniza as corridas como ben cultural inmaterial da “nación” española, merecente de protección, amparo e axudas públicas, en todo o territorio do Estado español. A maioría flamenquista que soporta o Goberno, perante unha progresiva e, a cada paso, máis contundente oposición á denominada festa nacional especialmente nos territorios nos que non forma parte da súa tradición, opta pola imposición legal. Máis unha vez, estamos perante a versión absoluta e inquisitorial que só admite a existencia dunha única nación, a española, e dos seus símbolos, anulando a existencia das outras, algunhas delas, como Galiza, sempre refractaria á tauromaquia, pola súa tradicional consideración dos bois como indispensábeis amigos no traballo. O flamenquismo dos galegos á española, unha impostura, mimética e caricaturesca, rende tributo, tratando de introduciren aquí corridas ou sevillanas, como servos colonizados, á españolidade, con cargo ao erario público. Porén, nin o flamenquismo nin as corridas son algo inmaterial. Son instrumentos para deseñar unha concepción de España, hoxe cunha cabeza deforme, por hipertrofiada, en Madrid, para o noso prexuízo, de consecuencias materiais prácticas. Por exemplo, Renfe executa aquí deseños do flamenquismo madrileñista. Acabou coa posibilidade de os usuarios da maioría das estacións do percorrido Ferrol-A Coruña poderen montar en tren, coa eliminación de paradas; dispuxo que o prioritario era podermos ir a Madrid, o secundario A Coruña e o innecesario ao resto de Galiza. Todos os días laborábeis prodúcese unha significativa escena tristemente esperpéntica ás 20 horas do serán na estación de Betanzos Infesta. Chegan dous TRD, un de Ferrol con destino á Coruña e outro da Coruña con destino Monforte, con viaxeiros para Ferrol, que teñen que baixarse. Tamén o fan os revisores. Deben esperar nas plataformas a aparición salvadora do pato ALVIA procedente de Madrid con destino Ferrol, case nunca puntual, e ás veces con avarías. O que vai para Coruña espera por se alguén do ALVIA quer ir para a cidade herculina. Como se ve, todo en función do deseño madrileño. Os cinco servizos ferroviarios con que conta Ferrol os días laborábeis funcionan con este mesmo criterio: a única obsesión é a conexión con Madrid.
Mais non queda aquí. O flamenquismo, nun ataque de ira destrutiva contra a diferenza, emprendeu a cruzada de usar as formas deturpadas dos topónimos galegos no ALVIA. Así pola megafonía resoa un Orense cañí e un Puentedeume salao, por exemplo, para lembrarnos quen manda, a quen estamos subordinados e de que vale a legalidade aprobada  polas institucións democráticas –Parlamento Galego e Cortes Xerais– nesta materia. As páxinas web de Renfe veñen de xeneralizar a chapuza castrapista, sen o menor complexo e con violación flagrante da lei, incluídos tamén os topónimos cataláns (que se cren?, pensan os flamenquistas na Corte). Agora xa comprendo a imaxe de Raxoi, puro en boca, acompañado de aspirantes galegos a “majos” de España, na Praza de touros de Pontevedra. É a proba do algodón para acreditárense como flamenquistas, condición sen a que é moi difícil chegar a presidente de España.

O flamenquismo madrileñista

Te puede interesar