Conversaba eu cuns colegas sobre a realidade social que nos invade camiño de prohibir todo ou considerar que existe unha especie de espectro multiforma que vela desde as redes sociais pola moralidade pública. Recordábame a época do internado cando entrabamos anxos e saiamos demos doutorados en pecados variados, que se dicía de aquela. Nestas estabamos cando un deu en dicir que se podía lanzar uns chíos dicindo que O Quixote facía apoloxía da anorexia, outro comentou que o protagonista do Lazarillo era un compilatorio de burlas contra os cegos, invidentes ou con visión reducida e así unha boa lista de Index de libros prohibidos nos que no faltaría quen vise racismo e escravitude no conto de Migueliño. Despois chegou a quenda de cancións das que calquera pode cualificalas de sexistas. Que a lista e moi ampla. Chegará un momento no que a cultura en xeral viva con autocensura por medo a que un censor virtual arremeta por ver algo que no existe nin estaba na intención do autor.