Hai un tempo para todo. Carta ás miñas netas (e II)

Seguindo cos consellos ás miñas netas...
-No traballo cumpride sempre o voso cometido con honradez e dedicación. Non
 é certo que o traballo sexa un castigo bíblico, é unha obrigación social.
- Desfrutade das cousas boas da vida, que son moitas, pero facelo con moderación e sempre con sentido común, ese que din que é o menos común dos sentidos.
- Sede sempre boas e xenerosas axudando dende as vosas posibilidades aos que precisen axuda.
- Serenidade no ánimo, xeito e orde na vida e nas cousas, que non se pode, Cecilia, manter un tigre na habitación.
- Xamais fagades mal a ninguén, nin leña da árbore caída.
- Vivide sempre de acordo coas vosas posibilidades e conviccións. Non tiredes da manta máis do que pode dar de si, que isto non conduce a ningures.
- Sede felices e facer felices aos que vos rodean. Se irradiades alegría, recolleredes alegría.
- Non pensedes no que a xente pode facer por vos, pensade no que vos podedes facer pola xente. Dito doutro xeito, sempre e mellor dar que recibir.
- Algún día teredes fillos, educádeos ben porque esta é sen dúbida a mellor herdanza que lles podedes deixar.
- Sodes coma un libro en branco, enchédeo de enerxía positiva, que a negativa nunca atope acubillo nas súas follas.
Todo o que vos digo é froito da experiencia dunha vida que xa está no seu último terzo que é o da serenidade, dende o que se ven as cousas na súa verdadeira dimensión e se mira para atrás sen ira, que é como hai que facelo.
Volvendo ao título deste apunte recordade sempre que hai un tempo para todo, que cada cousa ten o seu tempo e que hai un tempo para cada cousa, porque cada dia, cada idade e cada tempo ten o seu afán.
Catro apertas fortes e moitos bicos. “A educación é a arma máis poderosa para cambiar o mundo”. (Nelson Mandela).

Hai un tempo para todo. Carta ás miñas netas (e II)

Te puede interesar