Vaise suicidar Pedro Sánchez?

A convocatoria de eleccións xerais o vindeiro 28 de Abril semella que contenta a todas as forzas políticas, especialmente as da oposición. Algo que chama a atención porque a lóxica di que quen convoca faino porque considera que é a decisión máis favorábel para o seu partido, ninguén é tan parvo como para favorecer opcións contrarias. Sen dúbida Pedro Sánchez valorou a incidencia negativa que sobre o PP e Ciudadanos ten o acordo con Vox en Andalucía, e a submisión a posturas retrogradas respecto de temas como a cuestión de xénero e a memoria histórica, malia que se asegurase que a estrema dereita non ía condicionar o programa de goberno. 
Por se non abondase coa dose de soberbia e autoritarismo, a manifestación do pasado primeiro de febreiro en Madrid amosou nos discursos, escenificación e simboloxía, o triunfo ideolóxico de Abascal sobre Casado e Rivera. Polo que, esta mobilización que consideraron un triunfo, malia o limitado da asistencia, estendeu preocupación e medo a extensos sectores da sociedade, mesmo nunha fracción considerábel dos que fan da unidade de España unha cuestión esencial. 
Esta emerxencia da dereita autoritaria tamén remexe as conciencias daquelas persoas que se absteñen, dos que non ollan alternativa electoral porque consideraban que a esquerda afastouse das clases populares, que cada vez ten un proxecto máis representativo das clases medias acomodadas. Se a alarma se considerase tan grave e decisiva, e neste aspecto a mensaxe dos tres partidos da dereita axuda, unha parte da abstención optaría por votar polo mal menor, para evitar un desastre. E isto é o que se escoita na rúa, aínda que despois nas enquisas todo se valore como voto opaco, non definido ou abstención. A estes sectores dirixiuse Sánchez na súa intervención, así como a outros segmentos para os que aplicou ou promete políticas especificas laborais, sociais, de xénero, etc. 
O soberanismo catalán e vasco manterá a súa representación, máis difícil teno o nacionalismo galego. O chamado sector critico de En Marea relegou a autooorganización, e o sector de Villares coa proposta dunha lista conxunta co BNG e PSOE para o Senado engade confusión política e dilúe na práctica as diferencias neste tema central co sector critico. Todo reflicte que están nunha vía sen saída. O lóxico sería que o conxunto nacionalismo galego enfrontara a cuestión, consensuando lista nas eleccións xerais, para acadar unha forte representación que defenda sen condicionantes externos os intereses das clases populares galegas.

Vaise suicidar Pedro Sánchez?

Te puede interesar