Arxentina, o dilema do kirchnerismo

A moi poucos días das eleccións na Arxentina, todo parece indicar que o kirchnerismo está en retroceso, aínda que sexa capaz de manter a maioría na Cámara de Deputados (que se renova á metade).
O afastamento do sector da CGT de Moyano, e o apoio da patronal Unión Industrial Arxentina ao candidato opositor Massa, restáronlle votos respecto de anteriores procesos, como amosaron as primarias realizadas hai uns meses. Acabo de estar durante dúas semanas naquel país, onde vivín moitos anos, e resulta evidente que a inflación está desbocada, a inseguridade é un problema popular, e as achegas sociais a colectivos moi desfavorecidos non abondan para redistribuír ingresos e riqueza, aínda que sexan un avance.
Como afirma o economista Julio Gambina: non abonda con redistribuír parte do excedente cómpre un cambio de modelo produtivo. O PIB do país creceu na última década e creouse emprego, deixando atrás a grave crise de principios de século, mais a economía susténtase na exportación de soia, na megaminaría e no sector do automóbil, e os salarios son normalmente moi baixos.
Houbo avances en materia sanitaria e recuperáronse as pensións privatizadas, mais son pingas  en comparanza co inmenso proceso de apropiación realizado durante o menemismo.
A Cristina Fernández de Kirchner quédanlle dous anos de goberno, un tempo no que  debe buscar apoios. Pode conseguilos en Massa ofrecéndolle a presidencia, xa que como ela é peronista. Aínda que iso implicaría unha viraxe a dereita e afastarse das alianzas cos países do ALBA. As listas peronistas acadan un 80% do electorado. Non sería a primeira vez que, para alén da belixerencia do momento, o peronismo se reunifica con novos actores para manter a súa hexemonía. A outra posibilidade sería recomporse conseguindo apoios na esquerda: da Unidade Popular, e das forzas de Binner, Pino Solana, etc. Isto só sería posíbel propondo cambios na liña económica e social de Ecuador, Bolivia, Venezuela, etc. Non penso que este sexa o camiño que escolla o kircherismo, tan preocupado sempre de facer agromar unha “burguesía nacional”, máxime neste contexto de hexemonía neoliberal.

Arxentina, o dilema do kirchnerismo

Te puede interesar