O ECLIPSE ECLIPSADO

|

Cando anúnciase unha marabilla da Natureza créase unha expectación nos  que aínda nos facemos preguntas relacionadas co gran  misterio que supón formar parte desa inmensidade galáctica que é o Universo. Cando anúnciase un eclipse esperamos con certa ansiedade que as condicións atmosféricas sexan as idóneas para observar o espectáculo, como sucedeu o venres pasado. Mirade por onde Galicia estaba entre as áreas nas que o eclipse viríase case completo ( un  80%) pero pretender a estas alturas do ano que o ceo estea limpo na nosa terra é case un milagre e quedamos coas gañas de velo en directo.  Vale, en realidade eu si  conseguín, con un pouco de paciencia e coa colaboración das nubes que actuaron de filtro improvisado para que puidera fotografalo, esa imaxe para o recordo. Isto do eclipse trouxo a miña memoria lembranzas de como a xente vía estes “fenómenos” e facía as súas propias cábalas. Unha vez lin que unha tribo de América Central facía tódolos días un ritual para que aparecera o sol, e mirade por onde un día que non o fixeron coincidiu cun eclipse, o cal veulles a reafirmar que era imprescindible o conxuro para que o sol saíra cada día, e dende aquela non deixaron de invocar ós deuses.  Tamén recordo o que meu avó me contaba do gran cometa, do cometa Halley, que aparece no ceo cada 78 anos logo de facer un percorrido cósmico incrible e que el observara asombrado cando era un neno. Dicíame que  a súa cola ocupaba gran parte do horizonte e que tiña coma un ton dourado cando o sol declinaba alén do mar. Foi aquela vez na que o cometa Halley pasou máis preto da Terra e a xente miraba ó ceo con medo e con impotencia sabedores de que non se podía loitar contra aquela forza da natureza. Curioso era tamén o concepto de territorialidade que algunha xente tiña, pois crían que o mundo circunscribíase so ó seu espazo vital. A xente ía ó Campo da Leña na cidade vella de A Coruña a observar aquel fenómeno, e moita collía as súas pertenzas e en carros fuxían porque dicían que aquilo podería representar o fin do mundo. Cousas veredes.
Pero os tempos foron cambiando dende antes de que Dylan se dera conta, e agora estudamos máis as causas que provocan estes fenómenos. Somos capaces de colocar unha sonda nun meteorito que viaxa a velocidade de vertixe polo Universo e a non tardar poderemos poñer o pe en Marte. Pero eses percorridos son equivalentes aos que facemos nós cando saímos á tenda da esquina comparados coas distancias interestelares. Cada vez sabemos máis, pero o Universo segue sendo un misterio para os seres humanos. A Lúa, o Sol e a Terra forman un trío polo momento ben  compenetrado. Sen a Lúa e o Sol non estaríamos aquí. O venres puxéronse de acordo  para ofrecernos un belido espectáculo alienándose perfectamente para que o diámetro da Lúa coincidise co do Sol e proxectar así sombra sobre a parte luminosa da Terra. O equilibrio é perfecto; non quero pensar o que sucedería se a orbita da Lúa modificase o seu ángulo ou se o Sol variase a súa emisión de luz e de enerxía. Sería o fin da vida no noso planeta. O eclipse xa pasou e quedou aquí abaixo un pouco eclipsado polas nubes: os astros, planetas, meteoritos, cometas e satélites seguen aí movéndose e gravitando en perfecta harmonía, e nós a vivir neste pequeno grao de area pertencente á inmensa praia que é o Universo. E un, ante tal prodixio, non pode facer máis que se marabillar. Abofé.
 

 

O ECLIPSE ECLIPSADO