Coronavirus

Desatáronse as alarmas.  Lonxe de min a idea de entrar en terreos vetados aos especialistas que saben dos asuntos do mundo dos virus, tan só desexo reflexionar con vostedes como cidadán de a pe sobre un tema que preocupa pola ameaza que supón para a saúde da xente.

Polo que se di este é un coronavirus que corresponde á familia de microorganismos que se introducen como parásitos nunha célula onde se reproducen. Os virus a diferencia das bactérias non reaccionan diante dun antibiótico e a única maneira de controlalos é mediante unha vacina ou, nalgúns casos, polas propias defensas do organismo. Os virus provocan moitas enfermidades  algunhas delas moi graves coma por exemplo  o Sida ou o Ébola e outras veces procesos gripais, leves na maior parte dos casos, pero que poden comprometer a vida dun paciente se este padece outras patoloxias que se complican coa gripe.  Este virus chinés parece ser que é destes provocadores gripais que se contaxia con gran rapidez provocando problemas respiratorios nalgúns casos graves.

China como todos sabemos non é un país democratico e xa que logo as noticias que veñen  de alí hai, coma aos enfermos,  que poñelas en corentena. É posible que o número de afectados e falecidos sexa maior do que din pero hai que ter en conta que China ten mil catrocentos millóns de habitantes e cincocentos falecidos , ou tres mil, ou cinco mil non é unha cifra esaxerada para unha epidemia importante coma aparenta ser esta.  Wuhan, cidade de máis de once millóns de habitantes, semella unha poboación fantasma sen ninguén polas rúas, sen tráfico, en suma sen vida. Propaganda do goberno chinés para amosar ao mundo ata que punto controlan a situación coma tamén vender a construcción dun hospital de mil cincocentas camas con todo o equipamento en dez días: e xa  teñen rematado outro. Un amigo con certa sorna dicíame: “ se soltan a estes na Praza de Armas a teñen lista en catro horas”.

O ano pasado en España morreron máis de mil cincocentas persoas a consecuencia das complicacións provocadas pola gripe malia a campaña de vacinación. Os virus mutan e expándense. Estas cifras non saíron nas portadas dos medios pero están aí.  Xa conseguiron illar a este coronavirus e están preparando a vacina específica. Pronto deixaremos de falar del, coma fixemos coas “vacas tolas”, a “gripe aviar”, a “gripe asiática”, a “gripe española” etc,etc. Importante que non cunda o pánico pois non imos perder a batalla contra este mutante chinés. Si.

Coronavirus

Te puede interesar