Non ha dereito

Esta semana pasada Cáritas facía público un informe demoledor no que falaba, de que cerca de tres mil cinco centos persoas recibiron o ano pasado axuda desta entidade e denunciaban que a famosa recuperación económica tan fortemente publicitada por algúns, non estaba a chegar a todos os sectores da sociedade por igual.
En primeiro lugar, quero aclarar que non vou ser eu quen xustifique a existencia de entidades relixiosas no eido social xa que, isto debe corresponder aos estados; o de fornecer de emprego e de medios pra subsistir as súas poboacións que estean en desamparo. Máis dito isto tamén aclaro que nestes momento histórico que estamos a vivir con unha crise nin que por asomo desapareceu e que na Galiza e sobre todo nesta comarca esta crise ten outras características, xa que nos levamos cerca de 40 anos en crise, tampouco vou ser eu, quen xulgue neste momento a súa existencia, nin quen rexeite o traballo que con moita dignidade e valor, están a facer as súas voluntarias-os axudando nas súas posibilidades, que con certeza son escasas, aos colectivos e persoas máis desfavorecidas.
Máis a pregunta que debemos facernos é o porque desta situación nesta comarca e tamén no conxunto do país, onde tantas persoas atopanse en risco de exclusión. A resposta é clara. A nosa situación como di o voceiro do BNG no concello de Ferrol, refiro me a Iván Rivas, a debemos as políticas feitas desde Madrid cara a nosa comarca. Unha comarca onde se esnaquizo o principal sector produtivo, como foi o naval e onde non se fixo unha reconversión de ningún tipo. Fomos e somos unha cidade fornecedora de emigrantes cara a outros territorios, tanto do estado español como de outras latitudes e ese é o deseño de comarca que ten o centro do estado cara nos. É curioso e cabe preguntarse como é posíbel, que teñamos os niveis mais altos de incapacidades laborais en menores de corenta anos do estado, cando aquí apenas ha industrialización e emprego. Isto é debido a unha política de subvencións da miseria cara a uns poucos que o que esta a traer esta política e desemprego e ruína ao resto da poboación.
Nestes derradeiros sete anos e sobre todo nos catro anos de mandato de Rey Varela, preto de sete mil mozas e mozos abandonaron a comarca cara a outros territorios, coa finalidade de poder iniciar ou continuar as súas proprias vidas. Isto xunto co paraugas que tenden as familias sobre todo as nosas e nosos maiores, aos que xa non teñen forzas nin folgos pra emigrar, está a facer que nesta comarca non se de unha crise que ben se podía catalogar de humanitaria. 
Se esta comarca ou o conxunto do país estivese situada xeograficamente en Suíza, Holanda ect...onde as mozas e mozos abandonan a protección do niño familiar aos dezaseis anos, estariamos falando des colas de fame e de unha cidade o país en declive. Xa que é o modelo de familia galega o que verdadeiramente nos está salvando. Porque a chamada recuperación que con tanta notoriedade sae na maioría dos medios de comunicación, refírome as novas onde non se para de falar do crecemento da economía galega, da marca mes tras mes nas exportacións ect... e indudábel que non esta a chegar a todos. Nin que dicir ten que a estadística é o que é. Poño un exemplo: se eu creo un partido político e en un ano teño unha afiliada-o, na estadística dese ano, vou ser o partido político con toda seguridade que máis crecemento teña de toda Galiza; un 50%. Mais a realidade é que somos dúas persoas. Porque eu non poño en dubida que os datos macroeconómicos e estou metendo me en temas que non se me dan moi ben, sexan favorecedores, mais os datos micro-económicos que son os que verdadeiramente din si as familias viven na súa gran maioría con dignidade son totalmente opostos. Seguramente as exportacións crecen ninguén o dubida, máis crecen grazas a catro multinacionais téxtil, automoción ect...mentres as medianas empresas e os emprendedores que tamén se dedican a exportación sendo estes, os que verdadeiramente crean riqueza e traballo, por moito que nos falen de Inditex, están pechando todos os días.
Xa pra rematar, nesta semana pasada mudou o governo do estado. Un que se fai chamar socialista e obreiro e non estou a xulgar as súas bases, que quede ben claro chega a Moncloa. Pra Galiza e sobre todo pra esta comarca con certeza que non va haber grandes cambios; nin transferencia da AP9, nin concerto económico galego, nin tarifa eléctrica galega, nin remate da autovía Compostela -Lugo que empezou a construírse fai 30 anos e iso que soamente son 100 quilómetros. nin retorno a construción naval civil etc... Xa dixeron que o de derogar a reforma das pensións e derogar a reforma laboral que tanta miseria e desprotección trouxo, nin falar polo momento. Seguramente o recorte de liberdades e democracia sobre todo co tema catalán non vai mellorar moito, aínda que daranse cambios con toda probabilidade. Unha Galiza desaparecida na moción de censura, podese ver a sesión na rede e onde si estiveron presentes falando ben claro e alto vascos e cataláns.
Por todo isto compre máis que nunca, a un ano das próximas eleccións locais, mobilizarse e facer chegar con claridade e simplicidade o discurso dos da casa, das galegas e galegos que levan anos defendendo a dignidade e a capacidade de Galiza pra conseguir o seu máximo desenvolvemento. Unha Galiza e unha comarca onde estas denuncias da realidade feitas por Cáritas, ou calquera outra ONG desaparezan e onde as nosas mozas e mozos non teñan como máxima pra realizar as súas proprias vidas, a emigración forzosa. Porque non ha dereito que esta comarca coas potencialidades enormes que ten, desde a capital do reino de España nos estean a inflixir este castigo, co fin de defender intereses alleos a nos. 
En definitiva dicía Castelao que os problemas da Galiza ou os solucionamos entre nos ou non esperemos solución que veña de fora e dicir, os solucionamos nos, ou non esperemos que a solución veña nin de Castela a Vella, nin de Castela a Nova (nin das súas sucursais).

Non ha dereito

Te puede interesar