Hai uns días falaba eu dunhas terceiras eleccións, e dicía que “ Eu non vexo que haxa que rachar as vestiduras por volver a votar”. Daquela pensábao así, pero non contaba coa habelencia arteira e renarte do señor Rajoy, sempre tratando de botar balóns fóra e, a poder ser, poñelos nos tellados dos outros, xogando coas datas, para facer coincidir as posibles terceiras, mesmo no día de Navidad. É incrible o desprezo que demostra este señor cara aos cidadáns, ameazando con estragarlle as festas a todo un país, privando aos españois da celebración dun día que é, unha das poucas oportunidades de se xuntar e gozar dunhas horas de paz e de ledicia. “Pois o que non queira votar que non vote!”, dirán algúns. Mais hai que pensar nos miles de persoas que estarían obrigados a pasar o día nas mesas das urnas, sacrificados eles e as súas familias, non polo ben de España, senón polo egoísmo e a soberbia dun mal político, tan mal gañador como perdedor. Digo eu, claro.