De momento, aínda coas augas revoltas como inevitable consecuencia das resacas derivadas da saída do PP do goberno do Estado, debo manifestar que non vin máis que signos positivos nas primeiras actuacións do partido que está accedendo ao poder. Quixeron e seguen querendo facernos crer que coa morte do ditador Franco acabara aquel terrorífico réxime do nacional-catolicismo. Dicían que o artigo 16.3 da Constitución, onde se recolle que ningunha confesión terá carácter estatal, acababa coa tradicional confesionalidade do Estado. Mais a realidade viunos amosando que o da aconfesionalidade era máis do papel que doutra cousa, xa que resulta evidente que, fronte ao que cabería agardar, as crenzas relixiosas seguen influíndo na política. Moito máis do que a primeira vista nos puidese parecer. É por iso que me encantou ver como Sánchez prometía o seu cargo sen a presenza de simboloxía relixiosa. E non pasou nada. Era o que tería que ter pasado desde que se aprobou a Constitución, se realmente, en puridade, se quere respectar como, mil e unha veces, din facer moitos dos nosos dirixentes. Se o Estado carece de relixión oficial, a conto de que os usos de simboloxías relixiosas en actos oficiais? Así o entenderon tamén as ministras e ministros que nos seus respectivos actos de promesa do cargo seguiron os pasos do seu presidente.
Vin tamén con moi bos ollos que por primeira vez na súa historia o Estado español vaia ter un goberno conformado maioritariamente por mulleres. Naturalmente, xa se escoitaron comentarios intentando descualificar esta decisión do presidente e/ou o seu partido, por non respectar a paridade. Debo manifestar que nunca me pareceu moi boa idea o da paridade porque si. Sempre a entendín como unha medida importante para conseguir a verdadeira, real e necesaria igualdade entre homes e mulleres. Mais, cumprido este obxectivo, isto é, cando a sociedade dea mostras palpables de normalidade á hora de elixir alguén para desempeñar calquera actividade, a medida deixará de ter sentido. Por iso, a súa aplicación a toda costa non deixa de parecerme un tanto esaxerado e, a miúdo, pouco operativo.
En calquera caso, entendo que moi boa parte das críticas fan bo o “Si los perros ladran, Sancho, es señal que cabalgamos”, que dicía Rubén Darío.