Lembrando a Álvarez de Sotomayor

|

Unha revista trimestral editada en Santiago co título de “Galegos”, publicada nas linguas oficiais da Comunidade de Galicia, que se anuncia aberta e plural, e que pretende facer visible a realidade galega, ven de publicar no seu último número, o vinte deste ano 2014, un caderno sobre o pintor ferrolán Fernando Álvarez de Sotomayor, nacido na rúa Real de Ferrol o ano 1875, que, xunto con Jenaro Pérez Villaamil, representa o mellor da pintura dunha cidade que ao longo do tempo foi o berce de numerosos pintores.  
O Caderno dedica catro completos artigos ao pintor ferrolán: unha axustada biografía feita por Natalia Fraguas; un amplo estudo de Xosé Antón Castro que considera a Sotomayor como o maior expoñente do rexionalismo artístico de Galicia, dentro de certo localismo festivo; un traballo da profesora ferrolá María Victoria Carballo-Calero que contempla a súa obra dentro do estrito academicismo da época; finalmente Pilar Corredoira informa da súa estancia transcorrida entre os anos 1908 e 1915, incluíndo o caderno unha abondosa mostra gráfica da súa obra.
Director en dúas ocasións do madrileño Museo do Prado, onde fixo unha notable labor de recuperación da obra perdida durante a Guerra Civil, poucos artistas recibiron en vida os honores oficiais, galardóns e recoñecementos que tivo Álvarez de Sotomayor. 
Home xeneroso con todos os galegos que se acercaban a Madrid, sufriu a xenreira de certo sector do nacionalismo a pesares de que a Xeración Nos, con Vicente Risco a súa fronte, defendeu a súa valía artística. Moitos críticos da súa obra recoñeceron a minuciosidade e calidade da súa obra, especialmente no retrato, aínda que se considerou a súa visión de Galicia un tanto parcial, por anecdótica e superficial.
Desde a súa primeira exposición o ano 1900 en Roma, onde levaba a cabo os seus estudos como bolseiro, expuxo en numerosos lugares de Europa e América. En Ferrol presentou persoalmente a súa obra os anos 1936 e 1953. 
Falecido o ano 1960 en Madrid celebrouse unha exposición antolóxica de Álvarez de Sotomayor o ano 2005 no Centro Cultural Municipal de Ferrol, con máis de cen obras especialmente óleos, pero tamén acuarelas, tintas e grafitos, editando o Concello de Ferrol un completo catálogo.
Previamente, o ano 1980, a Deputación Provincial da Coruña levou a cabo unha interesante exposición de pintores ferroláns onde se amosaron 36 óleos do pintor de Ferrol, na súa maioría retratos, aparecendo no catálogo da mostra unha interesante biografía de Sotomayor feita polo académico Filgueira Valverde. 
Algo máis tarde, o ano 1987, saíu á luz en Ferrol unha salientable publicación “Pintura ferrolana”, obra do escritor e pintor ferrolán José Leyra, un axeitado inventario de ata 125 pintores nacidos en Ferrol ou que levaron a cabo de forma preferente a súa obra pictórica na nosa cidade. 
Na publicación o autor fai unha eloxiosa crítica da obra de Álvarez de Sotomayor, salientando a súa faceta de retratista. 
Son poucas as obras do Sotomayor que se atopan en Ferrol; ademais das escasas pinturas en propiedade particular, o Concello ferrolán ten dous óleos deste artista, os titulados “Paisanas” e “Pueblo das Mariñas”. Ademais do Museo de Belas Artes da Coruña, dispoñen tamén de obra do pintor ferrolán diversos particulares de A Coruña e Vigo, ademais das Fundacións das desaparecidas Caixa Galicia e Caixa Nova.
Todo o que se está a expoñer leva ao de sempre: a necesidade imperiosa de que o Concello de Ferrol cree o Museo da Cidade no cada vez peor utilizado Centro Cultural Municipal da rúa do Hospital. 
Na parte dedicada á pintura, o artista ferrolán Fernando Álvarez de Sotomayor debe ter un especial lugar de privilexio, recuperando a súa obra espallada e solicitando ao Museo do Prado e ao Museo Reina Sofía de Madrid a doazón ou cesión dalgunha das obras do pintor ferrolán. 

jjburgoa@hotmail.com

Lembrando a Álvarez de Sotomayor