Boas novas para o castelo de San Felipe

castelo de San Felipe comezouse a construír o ano 1589, sendo o primeiro baluarte feito para defendela entrada da ría de Ferrol, levando o nome do patrón do entón rei de España, Felipe V. As necesidades de mellora das defensas da ría, por mor da creación do Departamento Marítimo do Norte, levaron a reformalo mediante os traballos de enxeñeiros militares como Montaigú e La Ferriére a partires do ano 1731. Estivo sometido a importantes obras o ano 1859, cumprindo a súa misión de defendela entrada do porto do Ferrol ata principios do século XX. Na guerra civil e ata a década dos anos 1960 serviu de presidio militar, quedando sen uso a partires de entón. 
 Trátase dunha monumental fortaleza de sólidos muros, requintada cantería e xeométrico trazado. Polo fronte mariño ten unha planta en forma de punta de frecha cunha dobre liña de fogo cara ás augas da ría e polo lado de terra dispón dun recinto trapezoidal que integra unha praza interior de armas. 
Recoñecida como BIC (Ben de Interese Cultural) desde o ano 1986, forma parte do conxunto monumental do Arsenal e Castelos da Ría de Ferrol para os que se solicitou a frustrada declaración de Patrimonio da Humanidade o ano 2001.    
 Rematando o ano 2000 o castelo de San Felipe foi mercado polo Concello de Ferrol ao Ministerio de Defensa por case un millón de Euros e desde entón tan solo sufriu algunha pequena intervención puntual para paliar o seu progresivo deterioro. Nas súas descoidadas instalacións leváronse a cabo de xeito intermitente algúns actos culturais, normalmente de pouco interese, ademais de actividades pouco axeitadas como poden ser acampadas, sardiñadas e outras trangalladas, no lugar de poñer en valor o castelo pola organización de actos relevantes como exposicións, cursos de verán da Universidade ou obras teatrais, mesmo un Mercado da Ilustración, como farían outros concellos ao dispor dun conxunto monumental desta categoría. 
 Pasados dezaseis anos da propiedade municipal desta emblemática fortaleza, verdadeira xoia do patrimonio cultural ferrolán, situada ademais nunha privilexiada paraxe natural, aínda carece dunha axeitada estrada de acceso aos visitantes e atópase pendente da elaboración dun Plan Director de Usos, complementado cos oportunos Estudos de Impacto Ambiental e de Costos e Financiamento, como boa práctica a seguir nestes casos.
 Coa chegada da nova Concelleira de Patrimonio, Rosa Méndez, en principio pechouse unha parte das instalacións do castelo, por motivos de seguridade derivados do seu mal estado, mentres se facía unha limpeza e algunhas reparacións das mesmas, dentro do escaso presuposto de que dispón a súa Concellería. A pesares do anterior se permitiron as visitas que o ano 2016, segundo informacións do propio Concello, chegaron a 40.000 persoas.
 Neste mes de Maio a cidade de Ferrol acaba de conseguir máis de 550.000 Euros dos Fondos europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder), dos que segundo se informa unha boa parte poden reverter no castelo de San Felipe, entre outras cousas para redactar un axeitado Plan Director de Usos. Entre outros interesantes proxectos está, por exemplo, reconvertela Sala de Cureñas nunha sala de Usos Múltiples, para levar a cabo xornadas culturais, conferencias, pequenos concertos, teatro, etc. Coñecendo a boa disposición e os demostrados coñecementos de Rosa Méndez no tema do Patrimonio Cultural, coidamos que, se lle deixan traballar como ela sabe, fará un bo labor neste tema. 
 Seguindo as modernas tendencias culturais, un plan estratéxico de longo alcance para San Felipe debe definir tanto as accións de consolidación e restauración do castelo como unha normativa de utilización cultural sostible, cun axeitado equilibrio entre a protección e o uso. 
Para unha apropiada posta en valor cultural e turística, cumpre habilitar no propio castelo un moderno Centro de Interpretación dos Castelos e Baterías da ría de Ferrol, que sexa o lugar de comezo dunha ruta para que, desde San Felipe, os visitantes poidan coñecer e visitar o resto das fortificacións defensivas da ría de Ferrol.

Boas novas para o castelo de San Felipe

Te puede interesar