pesares dos versos de Pondal e despois de moito marear a perdiz, uns e outros, o goberno socialista aprobou a exhumación dos restos de Franco, antes das eleccións do 10 de novembro. A xustiza autoriza unha nova inhumación no Pardo. Anque a familia se opón, en contra da opinión unánime do Tribunal Supremo, eu penso que esta é unha boa solución sempre e cando non nos leve a un desbordamento da confrontación entre as esquerdas e as dereitas. Non xoguemos con lume que, como di o refrán, as armas as carga o demo.
Como a confrontación dalgún xeito xa está servida, o máis sensato é que siga repousando para sempre no Val dos Caídos onde foi soterrado hai corenta e catro anos baixo unha lousa de 2.000 Kg. Alí, agora só hai restos, osos, po e cinza. Esta solución significaría asemade un aforro de cartos e de problemas.
Re-inhumalo na cripta da Almudena, propiedade da familia, sería, como di acertadamente Fernando Ónega, crear un centro de peregrinación e de conflitos de orden público, especialmente en datas tan sinaladas como o 20-N, cabodano do pasamento do ditador. Tantos anos despois aínda pode seguir morrendo xente no seu nome. Oínlle dicir unha vez a alguén que Francisco Franco foi un home irrepetible na historia. Non estou de acordo con tal afirmación. Tamén, para desgracia de moitos miles de homes e mulleres, existiron Hitler (o seu correlixionario e mestre), Stalin (a súa besta negra), e moitos outros que non deixaron, precisamente, un bo recordo na historia da humanidade.
Alá cada un coas súas ideas, pero todos, uns e outros, que pensen moi ben o que fan. Non máis sangue que xa houbo dabondo antes, durante e despois do 36.
Non sei se é boa idea propoñer unha enquisa a nivel nacional. Sería interesante e moi revelador coñecer o resultado. Eu votaría, xa o teño dito aquí, a prol de que fose soterrado en Mingorubio a carón da súa dona e dos seus achegados, familiares e políticos. Seica esa era a súa vontade. Respectémola e cerremos o capitulo desta rocambolesca e controvertida historia dunha vez para sempre. Repito, uns e outros, os de aquí e os de acolá.
A ultradereita, na súa linea, fala de profanación e de sentar un precedente moi perigoso, o que soa como unha ameaza que vai en contra da democracia e do respecto ás formas e ás leis.
(Deixádeos durmir, non despertedes aqueles que repousan....)
Nota final urxente.- Imaxinade que unha vez retirada a lousa, atopan un cadaleito baleiro. Podería ser ¿non si? Iso sería rizar o rizo do esperpento.