Sentenzas

|

O panorama xudicial do país está cheo de sentenzas que espertan rexeitamento, desde os que respectan, pero non comparten, ata os que nin comparten nin respectan, pasando polos que, lles da igual, porque xa non cren nesta xustiza. Está claro que os xuíces non son infalibles, pois como seres humanos, son imperfectos e pódense equivocar, mais non sempre son eles os que erran, xa que se teñen que xunguir ás leis, que poden ser imperfectas, por estaren feitas por homes imperfectos. Coido que os políticos deberían mellorar as leis, no canto de criticar as sentenzas, pois aínda que poda haber xuíces incompetentes e prevaricadores, non se pode admitir que todos eles sexan malos xuíces. De todos xeitos, o mellor é non ter nada que ver co aparato xudicial, pois por algo representan á Xustiza cos ollos tapados; non sei se será para que non se fíe do que vexa ou para que non vexa as trapalladas que no seu nome se fan. O mellor sería poñerlle unhas gafas de aumento, non si?  

Sentenzas