Derradeiro día dun ano para esquecer. Como dirían en terras de Guitiriz, que o demo vaia nel. Esta expresión, ouvida en ocasións semellantes, faime remoer nesta teima que me dou de escribir en galego. Non sei se xa o teño dito aquí, pero esta foi a miña primeira fala, ata que en plena posguerra incivil viñemos, pais e catro fillos que cabiamos nun goxo, para Ferrol. Gústame asemade ler en galego, para o que dispoñemos na casa dunha pequena biblioteca. O que non teño é ocasión de falalo, e ben que o boto de menos, porque os meus interlocutores son, foron sempre, nos estudos, no traballo e na rúa, castelán falantes.
Penso que o meu é o que se chama volver ás orixes e dalgún xeito como unha homenaxe aos meus moi queridos, inesquecibles, pais. Recordo con ledicia que entre eles sempre falaban na doce lingua de Rosalía, Pondal, Castelao, Cunqueiro, Díaz Castro, o poeta dos Vilares de Parga en Guitiriz, e tantos outros que nos deixaron para sempre moi fermosas e moi sentidas páxinas. Mágoa que Valle-Inclán, o gran Don Ramón das grandes barbas de chibo, non escribira na nosa fermosa lingua, a pesares da súa temática, tan galega.
Gracias a eles conservase e florece a fala a pesares das prohibicións da ditadura. Aínda recordo cando se dicía en Ferrol que falar galego era falar en aldeán. Un dos moitos erros daqueles tempos nos que tanto se conxugaba o verbo prohibir. Seica había que se expresar na lingua do imperio. Semella que ao xeneral-ísimo non lle gustaba o galego.
Abonda xa de andrómenas e de malos recordos, acábase un annus horribilis e estamos a piques de estrear un novo que ten que traer, si ou si, a fin da pandemia. Fago votos por elo insistindo unha vez máis en que a súa erradicación depende de todos nós, acatando, por moi duro que sexa, as disposicións das autoridades, as sanitarias e as outras. Apertas para todos e recordos apaixonados dos que xa non están con nós.. Benvida ao Aninovo, ¡¡¡que Deus o vexa vir!!!