Xa ninguén mira os diccionarios. Mais eu sigo pensando que na semántica está todo. Atopo unha acepción de concello acaída a estes tempos de hipóteticos governos de esquerdas. Concello aberto era o que se celebrava na Idade Media, e aínda hoxe en certas partes, para resolver asuntos de índole xudicial ou económica. Convocábase a toda a veciñanza a un toque de campá ou de clarín.
Eu vivo, como o actual alcalde, perto de O Sino, mais os sinos das capelas ao único que convocan hoxe é a misa. En Ferrol vense de convocar un pleno fundamental para os cidadáns no que se xoga o saneamento da ría e o calote ou timo que o ministerio de Fomento, a Xunta e mailas empresas concesionadas, prestas a subcontratar a subcontrata, van sacar mellor ou pior tallada.
Un tema de fondo calado para un concello endebedado, sangrado de povoación, onde Defensa non paga o IBI e negocia as súas moitas propriedades. Do que saíra dese pleno ía depender o futuro dos ferroláns. Motivo de máis para fixalo nun horario axeitado para a meirande parte da veciñanza. Porén convócase un luns pola mañá, non con nocturnidade, máis si con alevosía.
Afortunadamente, a oposición en pleno, bota abaixo esta nova política mareal, de fluxo e refluxo, de si mais non se pode, de eu quero remunicipalizar mais non há xeito legal, de opacidade e escurantismo...que desemboca nunha política neoliberal cuspidiña á de dereitas no esteiro das empresas concesionadas que son varias persoas e un só deus verdadeiro, o señor lucro.
A concesión vén na mesma páxina do diccionario que o concello, mais en distinta que a concisión. Do latín conceder e que na súa segunda acepción defínese como outorgamento por parte dun governo a unha empresa ou institución da explotación dun ben ou servizo público. Mais tambén na terceira é condescendencia no trato. Porque os diccionarios sempre foron moi asépticos e precavidos. No que ten ás concesións sempre houvo e há algo máis que condescendencia!. Alí temos un dos buracos sen fondo por onde flúen os nosos aforros, eses que nos endebedan de por vida e nos manteñen á miñoca.
Se as grandes empresas botáronse como avutres no rico sangue dos servizos públicos que durante moito tempo xestionava o propio concello é algo agardado, a ninguén lle estrana pois por iso medraron. Outra cousa é como ocorreu para cair nelas a concesión. Son os concellos que se din de esquerdas e a prol da remunicipalización os responsaveis de conceder ou manter unha concesión a cambio de nada. Son os governos municipais os que teñen que encarregar auditorías obxectivas, fiscalizar contas, investimentos, mantemento... os que teñen que lle pór cancelas e condicións a estas empresas. No caso de Emafesa-Urbaser-Socamex é algo escandaloso incluso en países fóra da nosa contorna. O trato humillante á que somete á veciñanza con cortes de auga, prezos abusivos por servizos que presta e que non presta, as lecturas estimadas e á alza, o intento de cambiar contadores, o encarecemento das vivendas con mínimo consumo, a maltrato dos usuarios na propria oficina...e xa non digamos a crise da auga e o calote do saneamento insaneado son motivos máis que suficientes para que o concello mareal metera man no asunto.
Outro tanto ten a concesión do pavillón municipal de A Malata, que de municipal ten o nome e pouco máis. A pouco de expirar a concesión, o concello ten moi doado, se vontade tiver, presionar á empresa nunhas esixencias mínimas de xestión, inversión, saúde e criterio municipal nas actividades que alí se desenvolven. Mais non é así o caso. Asistimos alí tamén a un servizo municipal onde ao usuario non se garante nen un mínimo de actividades de saúde, nen condicións de local axeitadas para a práctica esportiva. Unhas instalacións sen accesos sequer para as persoas de mobilidade reducida. E non só o concello decide mirar para outro lado, o concello mareal que ía mudar as cousas. Tambén os sindicatos que terían de estar a denunciar, fan concesións na derradeira acepción, eis, na figura retórica que consiste en admitir en apariencia unha posivel obxeción.
En Ferrol existe tambén un servizo de normalización lingüística que non sabe que nas instalacións concesionadas se escreven letreiros de normas en castelán. E que algúns ferroláns estamos cansos de reclamar a prol da lingua.
E perante este estado de cousas que ocorren nesta cidade ilustrada non abondan os ferroláns aos que ferrol lles mola, que son ferrolanistas ate a agresividade, que defenden as subvencións para o Racing e mailas confrarías de Semana Santa, non abondan, digo, cando de defender se trata os servizos municipais da rapina das corporacións e das concesionarias agraciadas.
Así, visto o visto, non é de estranar que tanta mocidade marche de aquí con concisión, con brevidade e exactitude na expresión. Ate con veleidoso laconismo.
Aquilo de Moncho Reboiras, a luita continúa ficou tan lonxe que hoxe apenas é un mantra baleiro que catro bandullos agradecidos corean os días concesionados.