DYLAN

Odía 19 de marzo de 1962 saeu á rúa o primeiro disco dun raposo (aínda novo) de Duluth (Minnesota), máis coñecido como Bob Dylan. O “long-play” aquel, tan só cinco milleiros de copias vendidas na primeira saída, levaba por título –precisamente– “Bob Dylan”. E soamente insería dúas cancións orixinais do cantautor, se cadra porque Columbia, a compañía de discos que o gravara, non acreditaba aínda nas posibilidades absolutas de aquelas cancións, de amor e batalla, que encherían o segundo e sucesivos discos. Mais de momento era o que había.

Por suposto que eu, cativo de 11 anos, estudante de segundo de roibéns e rosas bravas, con pasantía de perplexidades, non me decatara da saída dese disco. Nós cantabamos os éxitos do Dúo Dinámico, as versións de cancións foráneas do “crooner” nacional, José Guardiola, ou ríamos as paveradas de Gila. Botaría tempo aínda en chegar a Bob Dylan. Ora, cando arribei á súa area adiquei a el os meus esforzos como teño feito con moi poucos artistas máis. Se cadra con ningún.

Por iso que as vindeiras xornadas literarias de Neda a prol de Dylan en abril, van contar coa miña presencia. No interín lembro que un 19 de marzo de 1962 o mundo do “rock” comezaba mudar. E eu, mercándolle unha novela de Agatha Christie e unha botella de “Vino de la Raza” a meu tío José Luis no día da súa onomástica.

DYLAN

Te puede interesar