Presos políticos e políticos presos

Ben sabido é que o Juan de Mairena (1936) de don Antonio Machado comeza con estas palabras: “La verdad es la verdad, lo diga Agamenón o su porquero”. Tamén o é, así mesmo, que Agamenón responde a elas cun “Conforme” e o porqueiro cun “No me convence”. Quen é un preso político? Que e quen define o que é preso político? Unha persoa que está na cadea a causa das súas crenzas e actividades políticas é ou non é un ou unha presa política? A priori eu diría que si. E aí, sen maiores disquisicións, me quedaría. Aquí e en Roma. Así, os dicionarios –non todos– adoitan recoller a locución substantiva ‘preso político’ definíndoa como ‘persoa encarcerada por motivos políticos’. Mais, como, en aras do que for, en moitos casos lles convén ós dirixentes poñer restricións, aparece o tío Paco coa consabida rebaixa en forma de algo así como que as persoas que utilizan a violencia ou incitan á violencia, non poden atribuírse o mérito de seren presos políticos, aínda que afirmen ter actuado por razóns políticas. E ala!, o rei, o porqueiro e tutti quanti a interpretar esa verdade. E, de novo, o rei Agamenón, o porqueiro e calquera de nós empezamos a buscar esa verdade que sexa a verdade do que vén sendo violencia, incitar á violencia... e se o tema é candente témola tesa. No momento en que escribo estas liñas debe estarse celebrando un acto de homenaxe –que o delegado do Goberno (en funcións, non o esquezamos) intentou que se prohibise– a Arnaldo Otegi no pavillón de Anoeta, de Donosti, lugar escollido por Sortu, que é quen o organiza, probablemente, por ter sido o lugar onde hai once anos –novembro de 2004– o dirixente da esquerda abertzale difundiu a denominada “Declaración de Anoeta”, que marcou o inicio da fase de distanciamento da política independentista da violencia de ETA. A historia, que é recente, dinos que algúns entenderon que ese planeamento político –outra das verdades do rei e do porqueiro– non debía ser importante porque Otegi acabou sendo detido en 2009 e condenado a seis anos e medio de cadea por intentar reorganizar a dirección da ilegalizada Batasuna. O Supremo considerou que andaba a facelo seguindo as instrucións da organización terrorista. E era verdadeiramente así? Agamenón diría conforme e o porqueiro non me convence? Sería ó revés? Coincidirían nalgunha das posibilidades? Son das persoas, alleas –simplemente porque non son vasco nin resido en Euskadi– ó mundo abertzale, ás que Arnaldo Otegi sempre lles pareceu unha persoa que se tomou moi en serio acabar co conflito armado vasco, iso si, sen ter que renunciar ó miolo da ideoloxía que acabara nese beco de non doada saída. Recordo ter discutido moito cun vello colega e amigo –excelente e cultísimo profesor da Universidade de Santiago– sobre o papel de Otegi cando, a raíz da detención da cúpula abertzale, se puxo á fronte do movemento político. O que eu consideraba un acerto, para o meu amigo non pasaba de ser unha traizón ós principios da loita, política, naturalmente. Creo que o tempo me deu a razón. E máis que ma ha de dar. Para min un señor que participou na sinatura do Pacto de Lizarra, que era partidario da creación de mesas de diálogo, de negociacións a diferentes bandas... de cousas que contribuísen a evitar sufrimentos e mortes ten que ter, como non, a condición de preso político. Cumpriu, ademais, a condena íntegra, non como algunha “tonadillera” do gremio deses “patriotas” que contribúen a deixar España como un solar. Hai tamén políticos presos e por cousas e causas, sen dúbida de ningún tipo, moito peores que as das ideas, como son as de roubar de calquera das formas posibles. Aínda que ben mirado o feito de actuar “chorizando” tamén obedece a unha idea, que pode ser algo tan simple como a de enriquecerse sen escrúpulo de ningunha caste. Haberá quen non acredite nos presos políticos, mais... Rafael Sánchez Ferlosio, falando do rei e do porqueiro do inicio do Juan de Mairena, concluía que a verdade “será siempre una sucia invención de mandarines”. Serao?
 

Presos políticos e políticos presos

Te puede interesar