Tócalle desta volta a este río nado nos chamados montes da Serra a 460 metros de altura, no lugar de Tafornelos, axuntamento de As Somozas que discorre por terras de Moeche, San Sadurniño, Pedroso, Neda e Narón, por onde é coñecido como o Río Grande de Xuvia, e desauga na parte máis setentrional da ría de Ferrol, moi preto do outro gran río da zona que é o Belelle, do que xa temos falado aquí.
Atravesa lugares con nomes tan enxebres como Monte dos Nenos, Pena Branca, Calvelo, Pena da Cabra, Cadaval, Pena dos Ladróns, Pico Naveira, Vilavesa e Penas Louseiras. Entre os seus afluentes conta co regato da Toca, o río Ferrerías, o regato Moeche e o río Pequeno. O máis sobranceiro de todos é o río Castro, que recolle as augas da vertente norte da Serra de Forgoselo denantes de pasar ao pé do Castelo de Narahío. Moito me gustaría saber a orixe de todos estes patronímicos, tan eufónicos e tan galegos. Un dos paraxes máis emblemáticos do río é a presa do Rei, construída por Alfonso XIII, que abastecía de auga a antiga Real Fábrica de Moneda de Xuvia. Ao longo do río discorre a chamada Ruta dos Muíños, na que se poden contemplar entre outros os de Gradaílle nun fermoso recuncho, o de Entreríos no desaugue do río Castro, o de Pedroso hoxe felizmente restaurado e o máis famoso de todos que é o muíño de Xuvia que noutrora aproveitaba as augas do río para moer a fariña coa que se facía o pan para os barcos que saían do porto de Ferrol. Hoxe en día é fonte de inspiración de pintores, poetas e fotógrafos.
Nos muíños cantigas, / consellos, amores / e contos dos vellos
A paisaxe, a flora e a fauna conforman un ámbito ideal para facer sendeirismo pola beira do río en todo o seu percorrido.
Aínda que pouco coñecidas, hai varias lendas relacionadas co río. Quizais a máis interesante sexa a da famosa banda de ladróns e salteadores de camiños chamada dos Sopiñas.
Contan as crónicas que os mesmos monxes do convento de Xuvia tiñan moito que ver coas súas falcatruadas. Un festexo de interese é a V Feira do Viño, que se celebra no mes de xuño en ambas as dúas orelas do río. Unha boa ocasión para pasar un día de lecer.