2018

eben certo que cada un fala da feira segundo lle vai nela. Para min foi este que acaba hoxe un ano para esquecer. Como dirían no meu pobo de Guitiriz .”Deixádeo ir e que vaia o demo nel.” Non se trata de remoer todo o sucedido ao longo destes últimos doce meses, na política e na vida. Cousas certamente graves e dolorosas a título persoal e colectivo. O mundo cada vez está máis revolto, os políticos, eses que algún optimista chamou os pais da patria, ao seu, cada vez máis tolos e desnortados. Aí teñen o exemplo de Cataluña e dos cataláns. E por riba a lei inexorable da vida e da morte. Permítanme aquí un recordo apaixonado a Eva que nos deixou un malfadado dia do mes de abril.
Despídese o ano cun fermoso día de sol, son as nove da mañá e non hai nin unha soa nube no ceo. Aquí estou escribindo a voa pluma este breve apunte. Non me permitía o corpo deixar pasar o día sen felicitarvos en tan sinalada data.
Adeus 2018 e benvido 2019. Que sorpresas nos terá agochadas este novo ano?. Seguirán os políticos dálle que dálle cos seus desvaríos?. Seguirá aumentando esa lacra dos nosos tempos que é o paro?. Seguirán morrendo mulleres a mans de psicópatas e desalmados?. Seguirá a economía costa abaixo a pesares do que diga o goberno en funcións?. Seguirá a fame no mundo, nenos e nenas, morrendo de inanición tódolos días, e por riba a escravitude e a prostitución infantil ?. Seguirán en fin, tódalas miserias que temos que aturar acotío nesta vidiña que nos toca vivir ?.
    Eu non quero pecar de agoireiro pero, mirando cara adiante sen ira, a cousa non pinta nada ben. Perdoade o ton pesimista deste apunte pero á vista do que temos aí fóra non encontro lugar para o optimismo. De tódolos xeitos, despedirei o ano vello con unha copa, ¡que Deus o vexa ir! e recibirei o aninovo con outra, ¡que Deus o vexa vir!.
A todos, familiares, amigos e incluso inimigos se algún teño por aí, vos desexo Feliz Ano e moita sorte durante este 2019 que empeza hoxe. Unha aperta forte.

2018

Te puede interesar