O Bambú Club. Historia dun abuso de poder (I)

|

No barrio ferrolán de Recimil, había un edificio co nº 6 da Estrada de Castela, que tiña seis vivendas e dous locais de hostalería, o “Bambú Club” e “A Lareira”, que eran o medio de vida de dúas coñecidas familias do barrio. Ambos os dous establecementos chegaron a ter certa sona, pola súa tendencia modernista e pola calidade do seu servizo.
A Lareira era un establecemento situado no baixo esquerda daquel edificio das mal chamadas Casas Baratas, dedicado máis ben a casa de comidas, sendo moi louvada a súa cociña, pola súa calidade e variedade. “O Bambú” era o máis nomeado, por mor da diversidade das súas actividades, pois aquel amplo local, que comezou como cafetería, no baixo dereita, posteriormente engadiu o semisoto dun edificio contiguo, para a ampliación das súas actividades, celebrándose alí moitos actos de carácter social, como vodas, bautizos, aniversarios e todo tipo de celebracións familiares.
O acondicionamento daqueles dous locais baleiros, representou un importante investimento por parte das familias arrendatarias, sen ningunha aportación do Concello. No caso do Bambú existían dous fermosos murais, un na cafetería, da autoría do gran artista ferrolán José María González Collado e outro no fondo da sala de festas, que aínda permanece alí.
Entre os dous locais daban emprego a máis de media ducia de persoas, que no caso do Bambú aumentaba moito cando había algunha actividade extraordinaria. Esta circunstancia fixo que o edificio, na súa totalidade, fose coñecido como “O do Bambú”.
Aquelas dúas empresas tiñan acadado moi merecidamente un lugar entre os mellores establecementso hostaleiros da cidade, pero...
Un mal día, “alguén” descubriu unha greta na parede exterior da parte esquerda do edifico, onde estaba situado o local de “A Lareira” e aquel foi o comezo dun ataque sen piedade contra o inmoble, por parte dos que estaban esperando un motivo para xustificar a derruba de toda a barriada das Vivendas Protexidas ou Casas Baratas. pensando no fabuloso negocio que sería a construción do dobre de vivendas nese solar céntrico e barato. E a partir de aí, os feitos, segundo o informe que o Negociado de Urbanismo fixo chegar á familia do bambú Club, en Xaneiro de 1998, sucedéronse aproximadamente así:
Primeiro, o Concello encarga á Empresa EPTISA un informe pericial que, nas súas conclusións do 30 de xuño de 1993, ditamina a ruína do edificio. Apoiándose nese informe, no Pleno do 23 de xuño de 1997 declárase a ruína da edificación nº 6 da Estrada de Castela e ordénase a súa demolición, previo o desaloxo de vivendas e locais.
O 17 de decembro, a petición da alcaldía, infórmaselle do estado do edificio, con unha relación previa por orden cronolóxico, a través dos documentos seguintes:
1.- Informe do estado de ruína. (2/6/1997). (Documento 1).
2.- Proxecto de execución de demolición. (15/10/1997). (Documento 2).
3.- Informe sobre vencemento do prazo para a evacuación e sobre o perigo de derrubamento. (4/12/1997). (Documento 3).
Ademais, trátase de indicar e especificar a causa pola que, o estado do inmoble pasa da situación de ruína ordinaria a ruína inminente.
A xustificación de ruína inminente, segundo a documentación do Concello, inténtase a través dos parágrafos seguintes:
a) No apartado de “Perigo inminente”, páx. 174, se afirma que: “...o estado actual do edificio é de degradación progresiva” e se informa “da necesidade de realizar obras de rehabilitación, descritas no anteproxecto, ou de proceder á demolición total do edificio...”. E na páxina 199, afírmase que: “... a zona entre muros , principal, posterior e lateral esquerdo, ofrecen perigo de derrubamento inminente (2/6/1997).
b).- Nese mesmo apartado de “Estado de perigo inminente”, afírmase que: “... se mantén o estado actual do edificio co deterioro e a degradación progresivas...” e se informa da necesidade de realizar a demolición total do edificio...” (15/10/1997).
c).- Se informa do “perigo inminente” e se pon en coñecemento da corporación, para que tome as medidas oportunas, sinalando concretamente a necesidade urxente de evacuar aos veciños. Sobre esa evacuación se aconsella que “non debería demorarse máis aló da próxima estación de chuvias...”.
Resumindo, que o ano 1997 foi un continuo aluvión de documentos, nos que se repiten unha e outra vez, os mesmos argumentos: “Perigo de derrubamento inminente”, “Perigo eminente”, “Estado de ruína”, “Necesidade de realizar a demolición total do edificio”, sen que apareza por ningures a xustificación técnica do cambio de ruína a ruína inminente e moito menos que a pretendida ruína afectase a todo o inmoble.
d).- Nembargante, inclúese parte do artigo 24-3) da Lei 16/1985 de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español, que di: “Si existiera urgencia y peligro inminente, la Entidad que hubiera incoado expediente de ruina deberá ordenar las medidas necesarias para evitar daños a las personas. Las obras que por fuerza mayor hubieran de realizarse, no darían lugar a actos de demolición que no sean estrictamente necesarios para la conservación del inmueble”. E se sinala ademais, que o edificio está catalogado nas Normas Complementarias e subsidiarias do Planeamento Provincial!! (4/12/1997)

O Bambú Club. Historia dun abuso de poder (I)