Coido eu que en España a Xustiza é unha caixa de sorpresas para os que non temos moitos coñecementos das leis, porque unhas veces sentenzas que parecen axeitadas non se cumpren e se lles buscan “encaixes legais” e, outras veces, cúmprense sentenzas que non parecen moi acaídas. Tal parece a decisión diante da reclamación que os veciños de Brión e Doniños fixeron sobre dos “Montes de Cha” e que ven de ser rexeitada por varias razóns, entre elas por non acreditar os reclamantes o axeitado aproveitamento deses montes. Non semella doado entender como poderían os veciños aproveitar os montes, se llos foron “requisados” polo Concello moito tempo atrás; e ademais, segundo ese razoamento, habería que “requisar” moitos máis montes, campos e terras que non están sendo aproveitados. A min non me parece unha decisión moi acertada, pero hai que ter en conta que os meus miolos son os dunha persoa do montón e, quen son eu para lles levar a contraria aos xuíces?