Aterrador

los anos da mocidade, houbo un tempo en que se me deu por participar en probas automobilísticas. En 1971 meus pais, tremendamente benevolentes sempre, regaláranme un Mini Morris 1275-GT, de cor amarelo ouro, segundo a denominación das gamas da marca, e meu irmá Santi e mais eu argallamos inscribirnos no Rally de Ferrol, que botaba a andar precisamente ese ano. A partir de aí e durante uns meses participamos –un, outro ou os dous xuntos– en diferentes rallys ou subidas das provincias da Coruña e Lugo. No verán tiven que ir facer un dos campamentos da milicia universitaria e xa de volta dei por rematada esa etapa de cheiros a combustible e goma queimada. Meu irmá aínda seguiu un tempo de copiloto doutra xente. Na subida ao Barreiro –unha das últimas en que participei–, que tiña lugar na estreita e revirada estrada que unía Bertamiráns con Negreira, tiven un incidente do que me lembro con relativa frecuencia. Era unha tarde de sábado, desas de abril a todo chover, e na chegada á meta pisei o freo, cruzouse o auto e fun bater cunha ponte de pedra, destas sólidas, das que aínda se ven moitas por toda a parte, que co impacto caiu en picado ao vacío, camiño que a piques estivemos o coche e mais eu de seguir. Estivemos abanaeando, vai non vai, ata que, coas rodas dianteiras fóra, por sorte parou. Serían uns catro metros de caída. As choivas e as xeadas acabaran cos materiais de suxeición e os bloques de pedra só estaban pousados. Falta de mantemento. Sempre que vexo herbas –herbiñas ou ramallos–nas xunturas dos elementos de protección nas estradas penso nesta historia. Implica terra e a fixación non é total. Na “barata” autoestrada do Atlántico levan semanas nunha molesta –e sen compensación ningunha– operación de limpeza, quero supoñer que por motivos de seguridade destes que estou a falar. Mais tamén, por fortes razóns de seguridade, penso que non lle viría mal unha boa dose de renovación asfáltica e posterior pintado, porque a sensación de perigo se fai cada día máis evidente. Cantos anos hai que non se lle toca a estes elementos? Non todo van ser subas de peaxes, que aí non se perdoa un día.
Logo pasa o que pasa. Velaí a ponte de Xénova. Parece claro que o derrubo é consecuencia da obrigada falta de mantemento. Non obstante, a concesionaria incumpridora aínda ten máis que dicir perante as medidas de sancións e mesmo de retirada da concesión da autoestrada da que a ponte caída forma parte. Aterrador. Morreu xente, outra ficou sen casa... é? Porca miseria. Que falta de escrúpulos! 
 

Aterrador

Te puede interesar