Saída en verde

Os semáforos disque están para regular o tránsito rodado, para que nun cruzamento de estradas se incorporen un coche a unha vía e saian outros. Iso parece correcto, pero o que non está ben é que moitos destes elementos reguladores estean colocados e operativos sen razón ningunha en vías e horas nas que a circulación é reducida.
Un que se ve obrigado a andar pola noite polas estradas sufre os impedimentos de tal circunstancia. Xeralmente son dous. A saber, os controis da Guardia Civil e os semáforos que deteñen a viaxe varios minutos, co subseguinte consumo de carburante, sen ter razón de ser, como se se tivese que parar no medio da nada a ver luces verdes e vermellas.
Os axentes do corpo armado organizan os controis en horas nocturnas, non se sabe se á caza e captura de superadores da taxa de alcoholemia, infractores do límite de velocidade ou simplemente cumprindo obxectivos de operatividade. Quen subscribe é asiduo deles, até o punto de departir amigablemente mestres son obxecto de minuciosos rexistros, que por certo son o mellor para unha revisión polo miúdo do interior do automóbil. En certa ocasión descubríronme unhas moedas de a euro que estaban ocultas entre os asentos, alfombras ou recantos do carenado.
O que xa non é tan operativo e deter o automóbil ante un semáforo que traballa en automático para deixar paso a coches fantasma. Nestes tempos tan informatizados non entendo o motivo porque hai cruzamentos regulados por luces que non se poñen en intermitente a partir de certas horas, cando o tránsito é máis reducido ou case nulo. E non falo dunha estrada provincial perdida entre os montes galaicos, senón da mesma nacional sexta. Creo que agardan aos novos orzamentos para instalar unha rotonda ou actualizar o sistema operativo de xestión, porque senón non se entende.
Ante a demora que supón bloquear unha estrada nacional varios minutos non é estraño que certos condutores opten por facerse daltónicos e seguir para adiante se prestar atención ás luces vermellas por unha cuestión de diñeiro: sae máis barata a multa que o gasto en consumo de carburante de estar alí parado. Estas contas tamén as tiña que botar o Ministerio de Fomento ou a Xunta en certas infraestruturas viarias nas que miles de coches queiman gasolina durante varias horas e elevan os niveis de contaminación na atmosfera por estaren detidos, sendo algo que se solucionaría cun simple desvío ou rotonda.
Mentres non se soluciona, non queda outra que deterse alí e contemplar a paisaxe, aínda que non hai moito que ver, ou contar os coches que pasan, algo que xa fixen unha semana e deume un resultado de un vehículo por luz vermella do semáforo: o meu. Así que non queda outra que agardar á saída en verde.

Saída en verde

Te puede interesar