O xoves, música

O xoves soe ser o día que a Sociedade Filharmónica elixe para ofrecer os concertos que ten a ben programar, unha cita obrigada para todos aqueles que consideramos a música como un dos grandes inventos da humanidade, tanto que, nas súas múltiples facetas, forma parte da esencia da nosa vida. Imaxinan un mundo sen música? Nesta ocasión estiveron aquí Shumann, Bela Bartök e Schoenberg da man da Orquestra Sinfónica de Galicia á que hai que agradecer que teña coma punto de encontro a nosa cidade para satisfacción dos melómanos desta banda, que habelos hainos. E permítanme que hoxe non fale da OSG por unha sinxela razón: esgotei os cualificativos. Agradecerlle, iso si, a súa presenza e dicirlle a todos os seus compoñentes que son un orgullo para nosa Comunidade e que esperamos segan aí na primeira liña estimulando sensibilidades  e promocionando este linguaxe universal no que todos os seres humanos se entenden. E dito isto, paso a expor algunha das impresións que me causou o concerto. En primeiro lugar direilles que me suscitou máis motivación anímica a primeira parte onde Shumann e Bartök foron da man. O fraseo e as harmonías de Shumann sempre son un pracer para o ouvido e o tratamento ritmico de Bartök unha invitación a explorar outros camiños malia que nesta peza, din o que disto saben, por mor de estar xa moi enfermo non acadou a plenitude doutros concertos. Pode ser, pero a min, malia ser o seu derradeiro e inacabado traballo, pareceume innovador tanto que por algún momento semellaba ouvir retallos jazzisticos quizais adoptados no seu exílio americán. Se houbese que poñer un pero, só un pero, é ao uso da partitura por parte do solista, o andaluz Javier Perianes, un pianista moi solvente curtido en mil concertos con máis dificultades técnicas que este. Malia iso, estivo moi ben e correspondeu aos aplausos cun bis, “Claro de Luna” de Debussy, sumamente melancólico. E como colofón a “Noite transfigurada” que non me deixou especialmente transfigurado malia estar inspirada no poema de Dehmel onde nun paseo dunha parella con nocturnidade por un lúgubre sendeiro, xorden confesións capaces de transifigurar a calquera. Quizais, logo do descanso aínda estaba influenciado polo que remataba de escoitar na primeira parte e iso tal vez despistou a miña atención. Pero o pasei moi ben, como non podía ser doutra maneira. Parabéns a Sociedade Filharmónica e un bravo!! moi grande para a OSG. Ah, un síntoma moi esperanzador: a presenza de mocidade na sala.
 

O xoves, música

Te puede interesar