PACO BALÓN

|

Morreu Paco Balón, que así o coñecía o país que loitou unha e mil veces para botar en terra a noite longa de pedra do franquismo, ese réximen fascista que se resiste a morrer  no imaxinario e certas prácticas dunha parte, noxenta, do PP.  Francisco González Vidal  deixa en todas e todos nós unha pegada formidable. Forma parte desa escola de loitadores, que alén do seu compromiso comunista, soubo trascendelo para ser máis, ser do pobo de esquerdas que non se rinde, non se resigna e que garda esa esperanza invencible nun mañán mellor, construída iso si con traballo e dignidade. Unha aprendeu as grandes cousas contadas coa humildade no seu libro de memorias. Vaise sen coñecer unha lei galega que recoñeza o valor deses loitadores que non fixeron cartos na ditadura, que non torturaron, que non calaron diante das inxustizas. Esa lei, ese porvir construido coa razón crítica, virá entre outros das loitas que levan a arxila do seu maxisterio. Porque como dicía el, merece a pena loitar.

 

PACO BALÓN