O mundo ao revés

As desigualdades, ocultas ou á vista, que existen entre as persoas actualmente en España, evidencian seguramente unha das meirandes inxustizas que existe na nosa sociedade. Certo que este fenómeno non é novo. Sempre existiron desigualdades. Pero o que chama agora á atención é que tamaña inxustiza persista nunha sociedade postmoderna, a nosa, chamada a do coñecemento. E o peor aínda está en que esas diferenzas discriminatorias, en vez de tender a diminuír, continúan medrando sen que, ao parecer, escandalicen demasiado á maioría dos cidadáns. Son estes os que pasan de todo, como se non fora con eles, incluso cando están en xogo os seus propios intereses. Así veu ocorrendo co goberno dos conservadores, presidido por Mariano Rajoy, nesta lexislatura que acaba de rematar. Un goberno no que esas inxustizas, lonxe de diminuír, medraron. Fagamos votos para que non se repita. Eles dinnos que todos somos iguais ante a lei, pero á hora da verdade, as desigualdades, no que respecta á economía e ao benestar, demostran o contrario, porque o número dos condenados á vivir na miseria veu aumentando, salvados de morrer de fame grazas ao voluntariado e ás persoas solidarias. Deberíamos preocuparnos  de buscar solución. Sobran escusas. Así é que antes non había sanidade para os pobres e agora haina ata con urxencias para que ninguén morra por falta de atención. A promesa de algún candidato nesta campaña electoral de que metería no seu programa unha renda básica para todos os que careceran de medios de supervivencia, sería unha sinal de avance, un bo comezo para que a desigualdade social que é un problema de carácter político encontre solución na política. A dignidade das persoas humilladas por esta mala política ten que ser restablecida cambiando a orientación dos votos. Se queremos unha sociedade igualitaria e limpa debemos acabar coa corrupción. Si, a mesma que veu acampando frecuentemente á carón da clase política. E para acabar con ela hai que coñecer primeiro a súa nai. Chámase dona Ansia. Ela contaxiou aos seres humanos co desexo irrefreable do enriquecemento sen tope. Ser ricos sen límite é o proxecto da maioría social. Mais a terra, nai de todos nós, non cansa de ofrecer sinais de alarma polos danos e abusos que a humanidade lle está causando. Convén escoitala antes de que sexa demasiado tarde. 

O mundo ao revés

Te puede interesar