Erdogan o xenocida

|

A agresión imperialista define a historia do pobo turco, dende o seu berce na Asia Menor dos séculos XII e XIII. Agresión que se manifestou na conquista dos Balcáns no século XIV e de Constantinopla no 1453, onde ducias de milleiros de civís foron mortos e escravizados. No século XVII Grecia foi conquistada tamén. Dende fins do século XVI até 1830-1840 centos de milleiros de persoas europeas foron mortos ou cativos polos piratas  de Alxer e da  Berberia otomana coa finalidade de convertelos en escravos, chegando mesmo ás Illas Británicas, Países Baixos e Islandia. Galicia, desprotexida polo reino de Castela, pagou tamén o seu tributo de sangue coa destrución de Cangas (1617), que nos custou máis dun cento de mortes e douscentos cativos que nunca voltaron do Norte da África.

No 1908 os militares nacionalistas (Mozos Turcos) impuxéronlle ao Sultán otomano un Goberno que desenvolveu o xenocidio dun millón de armenios (1915). No 1922-1923 o Goberno leigo de Atatürk (que depuxera ao Sultán) desenvolveu unha terríbel limpeza étnica da poboación grega da Asia Menr, o seu fogar por tres mil anos. No 1974 os turcos invadiron Chipre e ocuparon o seu terzo norte, onde seguen arestora, malia a condena internacional. O Kurdistán é unha nación  que se extende polo territorio dos Estados turco, sirio, iraquiano e iraniano. Foi recoñecido como Estado no Tratado de Sèvres (1920), nunca recoñecido por Atatúrk, que acadou a medio da guerra das potencias europeas a anulación deste recoñecemento no Tratado de Lausanne (1923). As milicias kurdas, nomeadamente as femininas, foron as principais responsábeis da derrota no norte de Siria e Iraq do Estado Islámico (ISIS) no 2016. Tanto no norte de Siria como no norte de Iraq os kurdos foron quen de crear estruturas de goberno que respectan os dereitos humanos, a igualdade da muller e a liberdade relixiosa. En setembro de 2017 o Kurdistán iraquí aprobou a creación dun Estado independente no seu territorio autónomo con case o 93% dos votos.

Dende o 9 deste mes Erdogan e os seus aliados árabes islamitas masacran a poboación civil kurda coa pasividade USA, que retirou da rexión as súas tropas e coa complicidade española. Si, leron vostedes ben. Unha batería de misís Patriot das FFAA españolas protexe á base aérea turca de onde saen os avións que matan os civís kurdos.

O Kurdistan non ten case altofalantes na Europa. Seguiremos a contar a súa loita desigual. A súa loita pola supervivencia contra Erdogan, o xenocida.

Erdogan o xenocida