Traballar despois de xubilado

|

Semella que á ministra Fátima Báñez, ou asesores, ocorréuselle a idea de que os xubilados/as podan compatibilizar esta situación cun traballo remunerado, mantendo íntegro o ingreso da pensión, pensando que este será o único xeito que teñan de sobrevivir a medida que se vaian sumando recortes nesta prestación pública. Porque dende a última reforma, feita polo seu partido, as pensións foron perdendo poder adquisitivo, xa que os aumentos foron inferiores ao IPC. 
As causas son evidentes: precariedade laboral, salarios máis baixos, traballo en negro, e subvencións nas cotas da Seguridade Social aos empresarios. Por se non abondase, a taxa de desemprego esta rente do 20%, nun mercado laboral mundializado coa finalidade de frear calquera reivindicación laboral. Ademais, o traballo dos pensionistas agravaría a cuestión do paro.
É verdade que hoxe, como consecuencia do medre da idade de vida e o descenso da natalidade, aparentemente baixou a relación entre activos e pensionistas, porén ao mesmo tempo esta tendencia foi compensada pola incorporación masiva da muller ao traballo remunerado e o aumento da produtividade. Feitos ben coñecidos polos que fan as propostas dende o Goberno. Tamén son conscientes de que o principal problema para manter as pensións e a súa capacidade adquisitiva é o medre da desigualdade, en beneficio das grandes fortunas e empresas transnacionais, e os aspectos referidos no paragrafo anterior. 
No caso concreto de Galiza, onde o problema é máis grave, non é por mor dunha maldición divina, nen produto de que os galegos e galegas traballemos menos, senón consecuencia da dependencia histórica, e do papel subalterno na cadea de valor. Malia a enorme potencialidade do país, ano tras ano pérdese participación na renda total, e iso significa menos traballo e peor pago. 
A emigración lévase unha parte da mocidade, atrevida e cualificada. Todo isto afecta negativamente ás pensións actuais e sobre todo ás futuras, xa que para estas últimas hai que engadir o medre da temporalidade. 
Existen solucións, xustas e solidarias, para o problema das pensións. Trátase de que haxa vontade política, e moita presión social.

Traballar despois de xubilado