O PAPEL DA OPOSICIÓN

O goberno galego do PP amosa sinais preocupantes nos estudos demoscópicos non publicados que comentan sotto voce dirixentes políticos e xornalistas usualmente ben informados. A Xunta carece de pulo director e de proxecto, os seus conselleiros de predicamento social e inicativa política e Galicia, prisioneira dunha radical política de recurtes fiscais nunca acompañada por medidas de pulo á actividade produtiva, é campioa de inverno na xeración de desemprego por conta allea e na destrución de pemes e outro emprego autónomo.
O peor de todo é que transitaremos no resto deste 2012 polos vieiros da recesión cos seus corolarios de máis desemprego e pobreza,pois que o Goberno do Estado semella que tamén desbota estímular á economía. Recurtes estatais máis recurtes autonómicos só poden xerar máis recesión,que podería verse moito máis agravada pola liquidación a baixo prezo do noso Nova Galicia Banco, que de seguro  demoraría no tempo a solución dos problemas de financiamento das nosas pemes e condenaría á exclusión financeira de milleiras destas.
Noutras verbas, remataremos a lexislatura pairando este sentimento de negatividade xeralizado sen que a acción da Xunta e do seu Presidente poida xerar ningunha caste de ilusión ou confianza, como en privado recoñecen unha maioría dos nosos empresarios e líderes sociais.
Mais, hai alternativa ao PP? Até de agora socialistas e nacionalistas amosáronse desnortados, máis pendentes dos seus problemas organizativos ca do prantexamento en positivo dunha fórmula que fose quén de aunar a adhesión de distintas capas sociais e mesmo sen un diagnóstico común a respecto dos problemas e necesidades da Galicia de hoxendía. Velaí que teñan que aproveitar cadansúas citas congresuais para artellar complexos procesos de refundación que lles devolvan a interlocución coa sociedade. Só así lles sería posíbel evitar unhanova maioría absoluta do PP, malia que desenvolverá  a peor xestión da historia do autogoberno galego.

A ARRINCADEIRA

O experimentado Newt Gingritch (vencedor de Clinton nas lexislativas do 1994) ten a fasquia de dereitismo radical, sen caer no fanatismo relixioso ou no “freakism” político,precisa para gañaren a elección republicana. Hoxe é xa favorito. E teño para mín que será un mal inimigo para Obama.

O PAPEL DA OPOSICIÓN

Te puede interesar