Confeso que son siareiro da OSG

confeso que son siareiro da Orquestra Sinfónica de Galicia porque case sempre me entusiasma cando a escoito, e digo case sempre porque, como é lóxico é natural, asimilo mellor uns repertorios que outros, xa que certas obras son máis difíciles de gozar cando as harmonías semellan disonantes pois un ten o oído educado e adaptado a certas tonalidades clásicas que no son moi abondosas na chamada música contemporánea. Pero esta orquestra está aí sempre a un nivel excelente, interprete o repertorio que interprete.
O xoves acudín a escoitala outra vez ao Auditorio nun concerto programado pola Sociedade Filarmónica con música de Haydn e Antón Bruckner. Foi una ledicia para o espíritu e para min tamén unha sorpresa moi agradable a Sinfonía nº 6 de Bruckner pois con Haydn, que chegou a poñer tantas notas no pentagrama coma letras Lope de Vega nos fólios ata compoñer 106 sinfonias, un está máis familiarizado e aí non hai  moitas posibilidade para o asombro e a sorpresa. Clasicismo a esgalla no chamado “pai da sinfonía”. 
Con Hayden un vai sempre sobre seguro, pero con Bruckner a cousa foi ben distinta. A Sinfonía nº 6 en la maior, case unha hora de música total, foi a demostración palpábel da capacidade  creativa deste organista vienés ultra católico que bordou esta composición de catro movementos, nuns intres romántica co fraseo doce das cordas para logo pasar á explosión dos metais arrastrando a aquelas ata o paroxismo do xenio fortissimo, non o que ten que ver coa xenialidade, que tamén, senon co carácter. Aí a orquestra Sinfónica de Galicia amosou a súa fortaleza soando pletórica, contundente baixo a batuta do excelente director Dennis Russell que soubo acentuar de xeito exemplar os contrastes e luminosidade que de por si contén a partitura, facendo que a obra resultara máis atractiva para os ouvintes. E abofé que o acadaou. Para min, que non son un especialista na materia e só pretendo compartir con vostedes  o que sinto, Antón Bruckner foi un descubrimento e a OSG unha reafirmación.
Un concerto máis para ratificarme coma siareiro da OSG, unha orquestra que malia ser os seus compoñentes case todos de fora, é un orgullo para Galicia. Que gran parte dos músicos desta orquestra sexan foráneos non nos deve levar ao desánimo porque tamén viven, ensaian e tocan en Galicia e porque hai unha xoven orquestra, que gravita coa grande cal satélite seu e que está a xerar novos talentos, tamén galegos que en pouco tempo estarán formando parte da OSG e xa que logo o relevo está garantido. Todo isto non se produce por xeración espontánea, requírese tempo e os tempos, amigos, son chegados. 
Outra cousa a destacar é que o público acude en gran número aos concertos e xa se ve xente nova nas bancadas, sinal que augura un futuro interesante para esta bendita actividade como é a de achegar ao gran público a gran música. Parabens aos que o fan posible.
 

Confeso que son siareiro da OSG

Te puede interesar