O pasado sábado de xuño estiven nos peiraos da Graña coa idea de coller uns peixes. A tarde preciosa, a paisaxe de sempre, magnífica, fronte a min Mugardos, a enseada do Baño, o castelo da Palma e aló ao lonxe a moa do Segaño antes de chegar ao mar da Marola. Pola miña banda o Vispón, San Felipe pobo e castelo, e ao fondo, xa na bocana, o porto exterior.
Había tempo que non ia pescar e o resultado non puido ser máis decepciónante, un sargo cativo que non daba a medida. Xa se vía vir porque a pesares da boa tarde non había nin un só pescador en terra nin botes na ría e a xente non está por perder o tempo como un que sei eu. Onde van aqueles tempos nos que se pillaban unha media de quince ou vinte sargos de ración en cada xornada? ¡Así estaban os peiraos ateigados de xente que parecía aquelo unha feira! Nos meus recordos están entre outros moitos o Almirante Sobrino de la Sierra de moi grato recordo e o coronel de intendencia Diego Ruiz que tiña o récord absoluto con setenta e cinco pezas nunha noite ¡ Aqueles si que eran tempos!
Mesmo semella que a crise tamén atinxe ao mar, a esta ría nosa outrora tan rica en peixe. O certo é que por riba da contaminación hai tódolos días quilómetros de trasmallos fondeados que non só non o deixan pasar senón que embalan o peixe. Tamén hai quen lle bota toda a culpa á construción porto exterior.
Hoxe venres dia dez, no meu paseo diario pola beiramar da Gándara, atopei ao meu amigo Lolo que estaba limpando a súa embarcación que segundo el tiña o leme cheo de merda, –con perdón da súa cara–, díxome moi respectuoso. –Non hai nada contoume, fun onte e só pillei unha robaliza cativa, cando teño collido ata setenta nunha xeira. Agora o único que fago é queimar “jas-oil” que xa me di a muller, non sei a que vas ao mar, soamente a gastar cartos,– e ten toda a razón do mundo porque este mes levo “jastado” máis de trinta euros en “jas-oil” para coller catro peixes.
Despedinme dil dicíndolle, para consolalo, que xa viran tempos mellores e el quedou en avisarme cando se colla algo que mereza a pena. A ver se é certo Lolo e mellora a cousa. Namentres non queda outra que ter paciencia.
Pasei o mar da Marola/Ferrolana por te vere
Pasei a mar toda/A piques de me perdere