A morte que vén do ceo ou como un clic sirve para asasinar

Ollar para o ceo, un xesto aparentemente inocente, nalgúns lugares deste Planeta, cada vez máis inhóspito, pode significar que un escoita coma o zunido dun abellón para logo, de repente, desaparecer asasinado ou ficar mutilado por un mísil lanzado desde un dron grazas ao clic pulsado por un dedo asasino instalado na comodidade da distancia.
1. O xornalista Roberto Montoya ofrécenos en Drones. La muerte por control remoto (Akal, 2014), de forma divulgativa e áxil, mais co rigor da información e dos argumentos probatorios, que son os drones e que representan hoxe nun mundo que se converteu, todo el, nun amplo campo de batalla en que os dereitos humanos quedan reducidos a cinzas.
2. E faino denunciando que se agocha detrás do goberno de Barak Obama que, despois de máis de 5 anos de goberno continuado, se reduce a “talante y sonrisa seductora” (p. 11), que non son quen de agochar que todas as promesas de cambio non chegaron.  
3. Guantánamo. Programa de secuestros da CIA e traslados de prisioneiros en avións civís a cárceres secretos, que son centros de tortura.Control sistemático de correos postais e dixitais, de chamadas de teléfono, de fichas bancarias e médicas da cidadanía non só estadounidense, senón de medio mundo: “y, cuando poco después, solo 11 meses después de llegar al poder Obama fue a Oslo a recoger su Premio Nobel de la Paz 2009, ya habían muerto por los ataques de drones más personas que durante los ocho años de mandato de Bush” (p. 14).
4. Este Premio Nobel da Paz, todos os martes, reúnese co seu reducido grupo de asesores na Situation Room da Casa Branca e decide persoalmente a Kill List semanal, a lista de asasinatos supostamente selectivos que se realizarán, de forma clandestina e violando o dereito internacional, desde un dron.
5. Os datos son elocuentes: a administración Obama sementa a morte en Iemen, Afganistán, Paquistán, onde son centos as persoas civís asasinadas (Iemen: entre 12 e 15 civís morreron cando un mísil hellfire impactou nun convoi de 60 persoas que se dirixía a unha voda; Afganistán: 19 ataques probados en 2013, con 45 civís mortos e 14 feridos; Paquistán: ata 25 de decembro de 2013, 370 ataques con drons que asasinaron a preto de 300 civís. John  Brennan, director da CIA, chegou a asumir en comparecencia pública que “a veces se producen víctimas civiles”, mais, “es en realidad muchas veces, casi siempre”(p. 43).
6. Isto acontece debido a dous factores: a) a que estas máquinas de matar non son tan precisas como se quere facer ver, tal como denunciou unha operadora de drons, Heather Linebaugh: “la imagen es tan pixelada que es imposible saber si una persona tiene un arma o una pala” (p. 34); b) ao procedemento da signature strikes, que son ataques autorizados mesmo sen estar a identidade do suxeito a asasinar garantida.
7. A OTAN planifica a creación de 5 bases para drons militares en Europa. Desde o Ministerio de Defensa e a OTAN pensouse nun inicio en Trasmiras (Ourense), mais hoxe todo indica que o emprazamento será no aeródromo de As Rozas, en Castro de Rei (Lugo). En xaneiro de 2014, AGE presentou no Parlamento de Galicia unha iniciativa para que a instalación dunha base asasina non sexa realidade na nosa terra.
8. A través dun convenio co INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeronáutica), órganos que din representar a vontade popular, tal coma o Goberno Central, a Deputación de Lugo, o Concello de Castro de Rei, a Xunta de Galicia, asi como entidades coma o Real Aeroclube de Lugo, decidían, en marzo de 2011, dar o visto e prace a dita base. Comezouse así a xestar a base da morte por control remoto, a base do clic asasino que partirá, de non paralizarse o proxecto, de Galicia para sementar de terror, medo e morte medio mundo.
9. En xullo de 2012 deron comezo as obras de adaptación do aeródromo ao vo de avións non tripulados. En febreiro de 2013, a Empresa Cassidian, pertencente ao Grupo Multinacional EADS, e relacionado co actual Ministro de Defensa, Pedro Morenés, puxo en marcha o dron Atlante. Pouco despois o Ministerio de Defensa encargaba a dita empresa mísiles MBDA para armar o Atlante.
10. Tristemente, no Pleno do 11 de febreiro de 2014, os partidos políticos afectos ao sistema dixeron NON á intención de AGE de paralizar de forma inmediata as probas con avións non tripulados, e á esixencia de que se detallen as letras pequenas do Convenio asinado no 2011.

A morte que vén do ceo ou como un clic sirve para asasinar

Te puede interesar