Tecnoloxías

Averdade é que resulta difícil non caer na tentación de comentar o deterioro ao que anda sometido o país, mergullado en corrupcións a gran escala que salpica a exgobernantes (e deixa a ver se tamén algúns dos que arestora gobernan), das posibles implicacións da Casa Real nos negocios do xenro duque em...Palma...do, do preto dos seis millón de parados, dos case 1.800.000 fogares cuxos membros están todos sen ocupación laboral, do descaro de achacarlle todos os males que padecemos á herdade recibida, das declaracións do ministro Cañete que supoño quer facérmonos máis bobos do que xa cre que somos cando di, logo dos datos do paro, que a reforma laboral vai por bo camiño polo entendemento que propicia entre os traballadores e a empresa para evitar os despedimentos. En fin, que postos a reflexionar sobre estes disparates, haiche para dar e tomar. Pero hoxe vou a escapar desta tentación e comentar en voz alta con todos vostedes a incidencia que ten sobre nós o uso (e abuso) de certa tecnoloxía no eido da comunicación.

Os teléfonos celulares entraron a saco nas nosas vidas marcando tempo e tendencias, tanto que xa non podemos vivir sen eles. Pero unha cousa é que esa ferramenta sexa un vínculo para mellorar a nosa vida e outra ben distinta que sexamos escravos destes aparellos. Ben isto a conto porque hai uns días, por razóns de agrupamento telefónico familiar, decidín cambiar de compañía, e non se poden imaxinar a cantidade de chamadas que recibín da operadora na que estaba para convencerme de que non marchara para outros lares: rebaixas nas tarifas, novo terminal, etc, foron os argumentos para reterme nas súas redes.

Neste caso, o feito de cambiar levou implícita a entrega dun celular gratis cuxas prestacións tecnolóxicas van en proporción á estimación do consumo que a nova compañía calcula que vas facer. É dicir: que se fas gasto ostentoso regálanche un terminal de última xeración e, por suposto, de alta gama. No meu caso, que non son un teléfonoadicto, despacháronme cun smartphone de gama media-baixa que, dito sexa de paso, cumpre coas miñas máximas expectativas pola miña torpeza no manexo de semellantes aparellos que son moito máis que teléfonos. Para os nenos, sen embargo, estes mecanismos non teñen segredos xa que os manexan ás mil marabillas. Para os pais pode que sexa un xeito de telos localizados, pero tamén un mecanismo de indución ao consumo (o “leit motive” do sistema) que, en suma, é do que se trata.

Eu, que non son un dinosauro, vivín aquel teléfono negro de manivela, logo o de marcación automática, os portátiles e arestora estes que semellan de ciencia ficción, e todo isto nun curto espazo de tempo. Os teléfonos de hoxe, en menos que canta un galo, serán un recordo e cos novos faranse cousas inimaxinables. Os nenos de agora, que xa están adestrados e enganchados, serán os futuros consumidores e, xa que logo, o negocio estará garantido por moita crise que nos endosen.

Está claro que non debemos dar as costas ao progreso e si poñer ao noso servizo os adiantos tecnolóxicos que a ciencia pon á nosa disposición. Pero con sentidiño, pois non vai a ser que ao final o home remate estando ao servizo das cousas e non estas ao servizo do home, coma debera ser.

Tecnoloxías

Te puede interesar