VIXENCIA DAS COUSAS

TXT ePasei o mes de xullo completo e os primeiros días de agosto do xa afastado ano de 1978 en Lisboa, facendo un curso de portugués para estranxeiros na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa, aló polo Campo Grande, preto do parque de atraccións alí chamado Feira Popular -da que sempre gustei moito- e da vivenda de Mario Soares, daquela primeiro ministro, pola que pasaba case diariamente de retorno das aulas. Aqueles cursos eran un fervedoiro de xentes de moi diversa procedencia: practicamente da totalidade dos países europeos -un lote da Unión Soviética, sobre todo mulleres-, mais tamén de América do Norte e do Sur, inclusive brasileiros, algo non moi doado de explicar. Mesmo coincidín cunha moi fermosa hindú, co seu sari e o seu lunar vermello na fronte, indicando a súa condición de muller casada. Persoa interesante, coa que camiñei, porque nos cadraba a ruta, nalgunha ocasión á saída das clases. 
Mais, á parte dunha parella de rapaciños franceses, coa que os catro ou cinco galegos que andabamos por alí tivemos bastante trato, a persoa coa que máis me ralacionei foi cun mozo alemán, algo máis novo ca min –que andaba polos vinte e sete–, de nome Manuel –como Neuer, actual porteiro do Bayern Múnic e da selección da Alemaña–, mais que, se ben falaba con soltura tanto portugués como español, non tiña nada que ver con emigración ibérica de ningunha caste. O apelido era totalmente alemán, pero non son quen de recordalo. Como é sabido, este  nome de orixe hebrea, o que na Biblia se lle dá a Xesús de Nazaret, vén significando algo así como “o deus que está connosco”. Manuel, tampouco tiña nada que ver nin con biblias nin con deuses, era ateo e militante do Partido Comunista alemán, malia ser da denominada Alemaña Federal, onde para os comunistas todo eran atrancos. Ó acabar o curso, ficou en Portugal para axudar na preparación da Festa do Avante, tres días de celebración que o Partido Comunista Portugués instituíra dous anos antes. Eu asistiría ó do ano 1981, cando se celebraba no Alto da Ajuda. Nunha daquelas cálidas noites do setembro lisboeta, fiquei pampo escoitando cantar a Internacional a un moi nutrido coro soviético.
Lembrei isto hai un par de semanas, cando o presidente portugués Cavaco Silva encargou a António Costa a formación do novo goberno de Portugal, despois do fracasado intento de gobernabilidade da dereita encabezada por Passos Coelho e de que o PS pechase co Bloco de Esquerdas e co PCP un pacto de goberno que  garanta a estabilidade parlamentaria durante a lexislatura. Ese feito de intentar deter o esnaquizamento absoluto dese país, por min tan querido, reafirmoume na vella idea, a de toda a vida, da importancia que ten poder contar sempre coa presenza na vida cotiá e nas institucións dun partido comunista sólido, que sexa quen, só ou en compañía leal doutras institucións partidarias, de dar a cara polos desprotexidos, que, non o esquezamos, a cada paso son máis aquí e acolá, por toda a superficie habitada da terra.
O Partido Comunista Portugués sempre foi un dos espellos onde mirarse- Sempre admirei a Álvaro Cunhal, loitador incansable, tres lustros preso -mesmo tivo que defender a tese de doutoramento custodiado pola policía-, finalmente fugado da cadea de alta seguridade de Peniche en 1960. Indicar, finalmente, que entendo que é moi interesante e  recomendable a visión do documental  A Fuga de Peniche. É cousa doada porque se atopa sen maiores problemas na rede.
 

VIXENCIA DAS COUSAS

Te puede interesar