Non fai falta ser dos máis vellos do lugar, porque o suceso aconteceu hai vinte anos, para lembrar con certa nitidez os problemas que tivera que afrontar o daquela presidente dos Estados Unidos, Bill Clinton. Recordarán que Paula Jones, unha funcionaria de Arkansas -estado do que Clinton era gobernador nesa altura-, o denunciara en 1994 -cando xa era Presidente- por un suposto episodio de acoso sexual que tivera lugar tres anos antes. Cando, a comezos do ano 98, este asunto estaba na fase final, pendente dun amaño extraxudicial, apareceu, mesturado con el, o caso de Monica Lewinsky. Esta moza, que en 1995 chegara á Casa Branca como bolseira, comentáralle as súas supostas relacións sexuais co presidente a unha secretaria da propia residencia oficial, quen as foi gravando ata facerllas chegar ao acusador oficial independente no caso Paula Jones. Este conselleiro independente acabou presentando unha acusación penal contra o presidente por perxurio, isto é, por mentir no asunto das súas relacións coa bolseira. No remate de contas, a cuestión non era xa se houbera ou non relación sexual -ambos acabarían admitíndoa, de tipo oral-, senón saber se o presidente mentira.
Cando este escándalo Lewinsky se fixo mundialmente coñecido e estivo en todos os medios informativos mundiais en primeiro plano durante certo tempo eu xa estivera algunhas veces nos Estados Unidos, onde para entrar che esixían encher uns formularios cunha serie de preguntas, algunha delas do máis sorprendente -penso que segue sendo así, aínda que ao parecer algúns ítems cambiaron ou desapareceron-. Advertíranme que non respondese o que non era, xa que no caso de que me sorprendesen podía ter problemas. Xa que logo, dixen sempre a verdade, como adoito facer na miña vida cotiá. En calquera caso non entendín de todo ben o que supuña a mentira na sociedade americana ata que apareceu esa historia.
Se hoxe lembro este caso non é, obviamente, pola parte sexual, cuestión que me trae sen coidado, senón polo aquel da mentira. Que diferenza tan enorme co que acontece por estes nosos lares. Aquí a mentira dos nosos mandatarios está á orde do día. Como non pasa nada... De momento, a última sospeita de mentira xira ao redor da presidenta da Comunidade de Madrid e todo o relacionado coa suposta realización dun máster na Universidade Rey Juan Carlos. Vaia sona que lle vai quedar a esta institución! Como a señora en cuestión manifesta que non dimite -que entendo que era o que tiña que facer, porque eu no seu caso xa o tería feito- van seguir saíndo cousas que non van favorecer nin á protagonista, nin á institución académica, nin, por suposto, ao Partido Popular, cousa da que, sinceramente, me alegro. De enganos xa está ben.