Recibo un whatsapp cunha foto de Bebel García vestido de futbolista acompañada dun texto informando de que se cumpren 80 anos do seu fusilamento polos sublevados franquistas. Remítemo Quique Calvete, Tesoureiro da Deputación da Coruña e conselleiro responsable da área económica do R.C. Deportivo, razón esta do envío. Aproveito, para dicir, que entendo que nese posto está a desenvolver un excepcional labor, polo que, estou convencido, que, nun prazo de tempo razoable, o noso Dépor poderá estar en disposición de armar planteis que lle permitan volver levar fútbol bonito e o nome da Coruña e de Galiza enteira polo mundo adiante. E non digo isto, en absoluto, pola relación amical que teño con Quique desde hai algo máis de 30 anos. Concretamente, desde 1985, cando me tocou impartir un curso de lingua galega, para o persoal do Concello de Culleredo, onde daquela exercía, xa como importante funcionario. A Bebel García –un dos populares e duramente represaliados “hermanos de la lejía”– puxéranlle o nome en homenaxe ao marxista alemán August Bebel, un dos fundadores do Partido Socialista dos Traballadores da Alemaña, logo Partido Socialdemócrata. Detido en Guitiriz o 25 de xullo de 1936, foi condenado a morte e fusilado o día 29, con 22 anos. Eduardo Galeano, no seu Espejos. Una historia casi universal (2011), recolle esta fermosura de relato:
“La Coruña, verano de 1936: Bebel García muere fusilado.
Bebel es zurdo para jugar y para pensar.
En el estadio, se pone la camiseta del Depor.
A la salida del estadio, se pone la camiseta de la Juventud Socialista.
Once días después del cuartelazo de Franco, cuando acaba de cumplir veintidós años, enfrenta el pelotón de fusilamiento:
-Un momento -manda.
Y los soldados, gallegos como él, futboleros como él, obedecen.
Entonces Bebel se desabrocha la bragueta, lentamente, botón tras botón, y de cara al pelotón echa una larga meada”.
Mais, Bebel, que xogou no Deportivo, aínda que os datos que se teñen non son moi precisos, non foi o único xogador do club que sofreu as consecuencias daquela barbarie. O extremo esquerdo Chao, que formou parte do equipo que conseguiu o primeiro ascenso do Deportivo a 1ª división, foi outro deles. Nado en 1921, Antonio Villar Chao, era fillo de Antón Villar Ponte, o fundador das Irmandades da Fala -das que se está a celebrar o centenario- e parlamentario galeguista, falecido en marzo de 1936, cando acababa de ser eleito deputado pola Fronte Popular. A morte, ouh, paradoxo, salvouno da dura represión. Mais a familia non se librou de sensabores.. O propio Chao tivo que deixar os estudos e orientarse cara ó fútbol. Xogou no Deportivo toda a década dos 40 -máis dun cento largo de partidos- e logo pasou ao Málaga, onde chegou a internacional. Acabou xogando en México. Tamén Cheché Martín, sofreu as consecuencias do sen sentido. Era neto do célebre Médico Rodriguez e fillo de Joaquín Martín Martínez, secretario do Concello da Coruña e militante de Unión Repúblicana, que foi fusilado no Campo da Rata o 31 de agosto, feito que motivou o exilio familiar a Bos Aires. Alí comezou a destacar como futbolista. Xogou logo en Venezuela e Francia, ata que, en 1948, asinou contrato co Deportivo, club no que permaneceu dúas temporadas. Na segunda, o equipo proclamaríase subcampión da liga e a el fichouno Barcelona e alí gañou ligas e outros títulos.
Tristes meses estes para non esquecer. Só resta animar ao amigo Quique e ao Consello do Deportivo –que debería ser “da Coruña”– a seguir na liña pola que decidiron apostar.