Antonte pola mañá, estaba lendo tranquilamente o noso Diario como fago cada día mentres almorzo -sempre un zume, un café con leite e 6 galletas- cando ao chegar á páxina 31, sección “Mundo”, fiquei talmente petrificado. Como podería ser posible aquel titular? “Rajoy se ofrece como interlocutor de Trump en Europa y América Latina”, territorios que no texto se ampliaban co Norte de África e Oriente Medio. Alucinante. Supuxen que o do Norte de África se refería a Marrocos, onde, que curioso! ten dúas vallas co mesmo obxectivo do muro de Trump. E con Oriente Medio querería dicir Arabia e algunha das cruentas ditaduras do Golfo. Non o vexo mediando con Libia, Siria, Irak... Tampouco o vía moito facéndoo con América Latina, porque albiscaba algo semellante ao que xa lle dixo Evo Morales: que non precisan interlocutores, que son tempos de soberanía. E o de Europa? Será por razóns de soberanía, polo que decidiu actuar á marxe da UE? Xa ía sendo hora de que fixese algo sen ter que pedir permiso. De aí o meu estado case cataléptico.