Falso culpable

Si, son culpable, admítoo, e se puidese voltar atrás volvería facelo, pero antes de xulgarme deixade que me explique.
A realidade é crúa e o resultado do nacionalismo nestas eleccións foi malo. Perdemos representación institucional e porcentaxe de voto. Estamos ante unha derrota electoral, dura, mais penso que un proceso electoral non pode cuestionar a lexitimidade dun proxecto político. Un proxecto baseado no feito de que este país é unha realidade diferencial, e por tanto, con dereito a decidir o seu futuro independentemente.
Mais, no actual mapa político, que é o que debe facer o nacionalismo galego?
Porque despois de varios procesos nos que se renunciou ás siglas, se renovaron os candidat@s, se escolleron a través de procesos abertos, se actuou de maneira activa e imaxinativa nas redes electrónicas e se modernizou e modelou o discurso, parece que o que único que permanece inalterable é a idea que fundamenta a existencia dunha opción política nacionalista.
Non repetirei a idea de que o nacionalismo é básico para este país, e que si non existise habería que inventalo, porque esta afirmación ademais de ser un tópico non é real. 
Creo que ninguén discute o beneficio que supón para Galiza a existencia do nacionalismo político pero se este non existise esta sociedade seguiría existindo, aínda que, desde o meu punto de vista, sería unha sociedade máis individualizada e anómica e en condicións económicas máis precarias aínda, pero sería real, tan real como a actual.E este é o debate fundamental. 
Porque o nacionalismo galego fixo o que tiña que facer nestas eleccións máis aló do resultado electoral e porque nunha realidade como a nosa, con diversas opcións políticas máis híbridas ou máis puras é preciso unha opción política exclusivamente galega.
Quixera expoñer tres argumentos dentro dun utópico contexto político de máximos ao que as organizacións estatais estarían dispostas a transixir e por tanto asumindo que falamos dunha ficción.
En primeiro lugar, supoñendo que existisen opcións políticas de marco estatal que puideran ter autonomía de acción en función do lugar de procedencia dos seus deputados, esta estaría limitada ás cuestións vinculadas co seu territorio, no noso caso, galegas, e por tanto é unha opción inadmisible para calquera opción política digna de chamarse así. Calquera alternativa política ten unha concepción ideolóxica sobre o todo e os nacionalistas, como calquera, queremos opinar e posicionarnos sobre o todo, tanto se nos afecta directamente como indirectamente, tanto se falamos dunha vaca cachena como se falamos das vacas sagradas da India, e que a alternativa que se nos presente sexa ter opinión sobre temas exclusivamente galegos é rematar por converter a caricatura do nacionalismo en realidade política e levar ao reducionismo máis simplista a unha concepción ideolóxica que pode compartirse ou non pero que é tan ampla e completa como calquera outra.
En segundo lugar, supoñendo que desde o Estado español, condicionado pola presión política e social catalá, se avanzase cara a celebración dun referendo e por tanto se asumise o dereito dun pobo a decidir por si mesmo o seu futuro, estariamos a avanzar no carácter democrático do Estado máis nin un ápice no recoñecemento da pluralidade nacional deste, e por tanto, para que os galegos e galegas puideran ter esa posibilidade tería que existir unha organización política nacionalista que reivindicase ese feito, sen a cal, por moito que se avanzase no recoñecemento dos dereitos dos cataláns nada teríamos avanzado no recoñecemento dos dereitos dos galegos.
E en terceiro lugar, se somos conscientes de que este é un proxecto político colectivo, renunciar a el por un suposto éxito electoral momentáneo ou non, non supón máis que poñer máis problemas para que no futuro aqueles que compartan esta idea poidan avanzar na procura destes obxectivos, e non ten maior beneficio que as vantaxes persoais que os actores actuais tiren deste éxito.
Por iso penso que as persoas que teñen apoiado a única opción galega teñen que sentirse moi orgullosas de formar parte desta idea que é o nacionalismo galego e ter claro que este colectivo organizado non é o responsable de liquidar ningún proxecto político senón que ao contrario, está a ser a vítima dun proceso de recentralización política e económica dentro do Estado español con dous obxectivos principais. 
Por unha parte transformar o esquema político do bipartidismo actual nun cuatripartidismo onde se manterá a esencia da configuración actual do Estado. Sen cuestionar a súa definición política baseada na monarquía parlamentaria, sen cuestionar a súa definición lexislativa, baseada nunha constitución inalterable, e sen cuestionar o esquema económico, baseado na moeda única e na incuestionable pertenza a UE.
E por outra parte este proceso pretende contrarrestar o problema real que supón o proceso catalán que cuestiona a monarquía, a constitución e os marcos da UE, mediante unha reafirmación do Estado, sexa pola vía da esquerda con nome Podemos ou sexa pola vía identitaria con nome Ciudadanos.
Por iso penso que asumir a decisión de non ter dependencias externas nas posicións políticas é a grande mostra de xenerosidade do nacionalismo galego.
E ese grande esforzo que o nacionalismo galego contemporáneo tiña e ten por diante, ese feito, esa decisión, esa valentía nunca se poderá cualificar como unha derrota.
Este simple acto de valor, permitirá, antes ou despois, reunir a todas as forzas deste país nun proxecto político onde as relacións entre os pobos sexan en base á igualdade e non á xerarquía nin ao sometemento. Ese esforzo de hoxe é o futuro de mañá e ante entón, hoxe, para min, é un privilexio formar parte desa idea.
 

Falso culpable

Te puede interesar