O 18 de setembro de 1918 inaugurábase oficialmente o pazo de María Pita. Cen anos despois, a súa sala de exposicións recolle unha mostra que da fe dos longos avatares que tivo que sufrir un proxecto tan ambicioso, que non só dotou á cidade dun edificio tan maxestuoso e emblemático, senón que a cambiou radicalmente. Hoxe seríanos difícil imaxinar A Coruña sen a praza de María Pita e sen toda a zona señorial que a circunda, pero ata mediados do século XIX esa era a zona de Pescadería, separada da Cidade Vella polas murallas; así que había dúas cidades ben diferentes.
Derrubadas as murallas, por Real Orde de 1859, encargóuselle ao arquitecto Faustino Domínguez o proxecto de praza pública, que asinou en 1861 e que continuaría o seu fillo Faustino Domínguez Coumes-Gay, que fixo entrega dos planos en 1882; pero, por razóns económicas, tamén este proxecto foi suspendido. Será en 1897 cando se lle encargue ao arquitecto Pedro Mariño; as obras principiarán co novo século e rematarán en 1917. Neste ano, e a instancias de Sotomayor, Francisco Llorens e Antonio Palacios, e coa anuencia do alcalde Manuel Casás, celebrarase una Exposición de Arte Gallego que será “...un brillante certamen de genio artístico desarrollado dentro del vasto campo que esta región ofrece...” (según carta de Casás ao Ministro de Instrucción Pública).
Foron 44 os participantes, moitos deles grandes figuras; inaugurouna dona Emilia Pardo Bazán e mentras durou realizáronse numerosos actos, de xeito que comenzou a lucir como un centro de reunión intelectual e de proxección social. Non só nacía pois un extraordinario e fermosísismo edificio, para honra do seu arquitecto, senón para orgullo da nova cidade que ia a ser un faro do progreso dos novos tempos. O recorrido pola mostra actual, permítenos enxergar documentación, planos e fotos da cidade, como a de Mendía, de 1879, cando se puxo a primeira pedra, ou a de 1880, que mostra un Campo de San Jorge ancorado no pasado. Unha panorámica de Sellier, de finais do XIX, devólvenos un perfil da Dársena e da Marina, da que aínda está ausente a silueta do Pazo.
O anteproxecto de Pedro Mariño está documentado por uns cuarenta debuxos e planos das fachadas e das plantas que testemuñan do talento do arquitecto e da magnitude da obra. En dúas fotos de 1910 e 1911 pódese ver o pazo en construcción, aínda cos andamiaxes; peroxa nunha foto de Ferrer de 1912 e outras do mesmo ano, aparece, tal como o coñecemos, coa excepción da vidriera central que Mariño proxectou en 1923 e foi executada en 1926. Por fin, en foto de 1927, a fachada principal luce tal como hoxe o coñecemos, se ben faltaban decoracións do interior e o mobiliario, do que se encargou a empresa coruñesa Fillos de Emilio Cervigón. Agás a escaleira de honra, que é de 1950, en 1930, a cidade pode por fin contar cun edificio “ sen rival no noso país e á altura dos grandes edificios municipais que puidésemos atopar en Europa nestes anos”, afirma Navascués Palacio.