Alimentos: Un drama anunciado

A seca nos Estados Unidos e os furacáns están causando unha queda na produción de alimentos no primeiro exportador do mundo, as consecuencias: un aumento de prezos dende as “tortitas” en México até os forraxes para o sector gandeiro na Galiza. O valor do millo creceu un 25% e da soia un 19%. Non é a primeira vez que isto acontece, hai uns anos coincidiron as secas en Rusia, Australia, Canada e Ucraína, con consecuencias semellantes. Os analistas din que aquel aumento dos prezos foi desencadéante das revoltas da “primavera árabe”. Que acontecería se coincidiran no tempo os desastres en todos estes celeiros? Sería unha desfeita! polo que deberiamos aproveitar estas advertencias para lle poñer remedio á irracional produción deste ben estratéxico e insubstituíbel para a vida das persoas.

O gran aumento do prezo dos alimentos, e a falla de garantía das condicións nas que se producen e trasladan, fan que (de novo) o sector agrario sexa estratéxico, por mais que un mundo ensimesmado no urbano olle para outra parte, agás os fins de semana. O agrario é un sector que non se pode considerar só dende o ángulo do lucro económico inmediato; ademais ¿para que serve un medre da economía se crece a maior ritmo o prezo dos alimentos, ou estes carecen das calidades ou garantías necesarias?...

A economía debe ter como primeira finalidade garantir unha vida san e prolongada das persoas. Para cumprir este obxectivo necesitase unha agricultura que asegure alimentos en condicións óptimas. Isto non se garante con importacións masivas e a produción mediante métodos industriais, con tranxénicos e “insumos” químicos (como veñen denunciando as organizacións agrarias e ecoloxistas dende hai anos).

O control faise practicamente imposíbel, tanto para os gobernos como para o consumidor, canto máis afastada está a orixe dos alimentos, ou sexa: canto máis globalizada é a produción e comercialización. Como contraste, unha gran parte da terra cultivábel de Galiza está a poula, con mato ou bosques de baixo rendemento, e a xente vese obrigada a abandonar o rural. É hora de rectificar, polo ben de todos e todas!

 

Alimentos: Un drama anunciado

Te puede interesar