RAKUIÑA

Non vou enumerar as cidades que insiren estatuas de persoeiros, de “populares”. Integrando estas en bancos ou a pé de asfalto lonxe os tempos nos que a estatuaria tiña de ir subida nun pedestal. E non as enumero porque son moitas. Así que darei tres exemplos. Dous de escritores: Pessoa, no Chiado lisboeta. Gonzalo Torrente no seu café favorito da plaza Mayor de Salamanca. Un de “populares”: as repintadas Marías na Alameda santiaguesa.

E cismando nestas cousas penso que Maruja Rakú, entrañable ferrolá, maleteira nos tempos duros, muller contracorrente nunha época ruín, na que facían falla moitos folgos para poñerse a vida por monteira, merece a súa estatua. Nos arredores da estación de ferrocarril. Vexo esa estatua, si, e vexo a Maruja Rakú retrousando con velocidade de lóstego.

Así cando meu pai, de volta de viaxe de noivos, foi preguntado por Maruja se quería que lle levase a maleta. Meu vello contestoulle que por que non o levaba a el. E Rakú contraatacou: “¡Que o leve a súa muller!”. Esta, a súa dona, miña nai, sendo unha cativa querendo ser garimosa con Maruja foille berrar: “¡Rakuíña!”. A resposta: paraugazo no pescozo que aínda lle doe. E que Maruja Rakú era moito. A quen corresponda: estatua para Maruja. Non me sexan forriches, ¡ho!

RAKUIÑA

Te puede interesar