MOITAS RELIXIÓNS

No mundo hai demasiadas relixións para un só Deus. Pero o camiño para encontrar a mellor non debería buscarse na competición entre elas senón no diálogo civilizado e xogo limpo. Porque Deus nunca falou nin lle pediu a ninguén que fundase relixión algunha ou ditase leis e normas de comportamento humano. Moisés, o fundador do pobo hebreo como se recolle na Biblia, non baixou do monte Sinaí coas táboas da lei. Alí non o esperaba un anxo para llas entregar gravadas cos dez mandamentos. A Biblia non conta mentiras, pero tampouco é un libro puramente histórico porque as mensaxes que transmite chegan de forma analóxíca, figurada. Así de oculto e misterioso aparece Yahvé-Deus no seu encontro como guía do Pobo Elixido. Porque Deus non falou nunca con palabras comúns dos humanos nin pediu a ninguén ser adorado. Tampouco deu mostras de querer ofrendas e sacrificios, e menos aínda que lle gustase o cheiro do incenso. Deus non quere servos submisos senón todo o contrario: persoas libres e decididas. E canto máis libres e autónomas sexan máis preparadas se encontrarán para colaborar no proxecto de un mundo recto e xusto, orientado a alcanzar a bondade e a fraternidade universal. Un mundo no que vaian a menos os pobres e os ricos medrando en igualdade. Esta é -debería ser- a única e verdadeira relixión que Deus quere para todos, sen distinción. Fóra castas e xerarquías porque a irmandade evanxélica vívese máis radicalmente en democracia.  Con esta relixión popular e aberta a todos, tanto aos que e confesan crentes coma aos que non o son tanto, o mundo estaría mellor disposto pra iniciar unha era de cambio, tamén no relativo ao feito relixioso. A este cambio necesario e urxente contribuiría non pouco o sincero diálogo entre todas as relixións, para alcanzar a converxencia na única que acabamos de citar. Esta sería a máis próxima ás mensaxes de Xesús de Nazaret recollidas polos redactores dos Evanxeos. A decadencia do catolicismo oficial e o abandono das igrexas que estamos vendo é un síntoma de que a xente non comunga con rodas de muíño, e predispón aos que de algunha maneira aínda se consideran crentes a dar pasos buscando a renovación. O cristianismo contido nos Evanxeos, máis que unha relixión, é a memoria da vida e obra do Nazareno. A Igrexa Católica, se quere ser cristiá de verdade, deberá abandonar o clericalismo e o poder para facerse servidora dos pobres como tarefa primordial.

 

MOITAS RELIXIÓNS

Te puede interesar