Un luns ao sol

Para quen non coñeza a fondo a idiosincrasia, os valores, os principios éticos e morais ou a traxectoria histórica máis recente da sociedade xaponesa será difícil entender a proposta do goberno nipón pola que se pretende deixar de ir ao traballo un luns cada mes. Sendo máis precisos, só na mañá, cada primeiro luns de mes. Para facer máis atraínte esta iniciativa, os creadores de palabras cativadoras escolleron a definición de “luns resplandecente”, un atributo que lle vai acaído á xente que habita o por eles considerado País do Sol Nacente. Velaí o repto, ficar un luns ao sol sen traballar, logo de fallar a pretensión de ausentarse o “venres premium”.  
Nada a ver coa crúa realidade soportada pola clase traballadora galega que se describiu na película “Os luns ao sol”, centrada no relato da vida cotiá dun grupo de traballadores afectados pola reconversión industrial que desmantelou o sector naval vigués. Unha historia humana de persoas que se enfrontan ao desemprego, con medo, con desesperanza e coa frustración nun malestar que vai mudar radicalmente o seu medio de vida e as súas relacións familiares e sociais. Un mundo de precariedade laboral que vai ser afrontado con estratexias individuais diferentes e recursos que dificilmente permitirán deixar atrás a nova situación de moderna forma de explotación das e dos traballadores que, para o caso español, amosa xa os máis perversos efectos da reforma laboral que, nun informe recente, proba que máis da metade das horas extras ás que se forza nunha prolongación imposta da xornada de traballo, non son compensada nin economicamente nin con outras fórmulas aceptábeis. É intolerábel abuso, legalmente consentido.
Por iso, Xapón, con esta nova iniciativa máis simbólica que de futura efectividade está a enviar unha mensaxe que non deber desatenderse. Na súa dinámica laboral é mítica a tendencia á realización de longas xornadas de traballo, sumadas á relación case relixiosa que manteñen coa empresa, unha situación que se sintetiza no feito de que un xeito de protesto é a chamada “folga á xaponesa” pola que, no lugar de absterse de traballar, fan todo o contrario. Aínda que todo ten un fondo de lenda e falso argumento, a realidade amosa unha grave problemática social, de saúde pública e de relacións persoais que concreta na manchea de casos “karoshi”, morte por exceso de traballo ou “karojisatsu”, suicidios inducidos a partir de trastornos laborais. 

 

 

Un luns ao sol

Te puede interesar