Estiven nun acto no Ateneo ferrolá que baixo a denominación xenérica de Memorias dun Tempo íase centrar nun documental titulado Ferrol 1936 que, como poden imaxinar, se refería aos instantes previos ao golpe militar e a subseguinte represión posterior ao triunfo sedicioso. Falar en Ferrol do golpe de estado sempre resultou controvertido pola evidente idiosincrasia dos sectores sociais que sempre marcaron o devir da cidade, e este acto no Ateneo non ía ser unha excepción. Logo da proxección interviñeron Eliseo Fernández, Rafael Permuy e Bernardo Maiz que nas súas palestras incidiron nas causas e efectos daqueles días incertos, e de seguido abriuse unha quenda de preguntas. E aquí foi cando aparecen perfectamente definidas as dúas posturas enfrontadas, dous postulados aos que eu, permítaseme dicilo abertamente, non concedo equidistancia pois nun enfrontamento entre os que tratan de defender a un goberno legal e os rebeldes que intentan derrubalo impoñendo a razón da forza, da violencia e do terror non pode haber equidistancia. Pero sempre haberá quen intente mantela aludindo ao que tamén fixeron “os outros”. O que nun principio ían ser preguntas dirixidas aos poñentes, converteuse nun debate que foi subindo de ton entre esas dúas configuracións da memoria histórica permanentemente enfrontadas presentes ese dia no Ateneo. Eu era dos que cría que a cousa comezaría a calmarse cando desaparecera a última testemuña viva daquela contenda fratricida, pero semella que non, e non é así porque aínda quedan residuos latentes que saen a relucir cando o tema está sobre a mesa, como foi nesta velada no Ateneo.
Os historiadores teñen o deber de contar a verdade, a verdade absoluta baseada nos documentos que manexan, e os referidos aos consellos de guerra, á relación de paseados e fusilados en Ferrol e contorna están aí, como están aí as declaracións do xeneral Mola manifestando que hai que impor o terror: que la acción ha de ser extremadamente violenta: Yo veo a mi padre en las fuerzas contrarias y lo fusilo. Es necesario crear una atmosfera de terror eliminando sin escrúpulos a todo aquel que no piense como nosotros. Todo isto non son opinións do historiador, son feitos incuestionables, documentados que resultan dificilmente discutibles por calquera que teña un mínimo de rigor histórico sobre o acontecido naquel tempo. España é, logo de Camboxa, o país onde hoxe en día existen máis desaparecidos e isto non é unha opinión : é un feito indubidable. Pero ese día no Ateneo non se falaba disto, nin do que pasou no resto de España; falábase do que aconteceu en Ferrol onde que se saiba e ata onde eu chego, “os outros” non fusilaron, non torturaron, non asasinaron. “Os outros” foron as vítimas propiciatorias dunha escalada de terror perfectamente deseñada polos que gañaron unha desigual contenda. A algúns lles resulta complicado recoñecelo como quedou patente o outro día no Ateneo malia que só se pretendía falar das negativas repercusións que aquel episodio tivo na cidade e contorna. Creo que non é bo recorrer ao maniqueísmo para explicar o que pasou, pero penso que non quedará dúbida de quen foron os agresores e quen os agredidos. Poderíase poñer en cuestión a calidade do documental (eu son dos que tamén pensan que se puido facer mellor) pero o debate non estaba precisamente centrado nese tema: o asunto érache outro como era de supor. Malia todo, a velada resultou interesante e clarificadora.