Querido Luis

Como en moitas máis ocasións, foi a sempre dilixente Leonor Bermejo a encarregada de me dar a triste nova da morte, en Avilés, de Luis Mahamud. Luis era un auténtico géntleman. Elegante, baril, educado, culto, serio (pero con grande sentido do humor), xeneroso e un artista singular. Podía ser un personaxe saído dos pinceis de Doménikos Theotokópulos (El Greco), da prosa de Charles Dickens, a imaxe dun retábulo de Gregorio Fernández ou o modelo que inspirou a Francisco Asorey para o monumento a Curros Enríquez n’A Coruña.
 Os tres vértices da súa traxectoria vital foron: Villaviciosa (lugar de nacemento e infancia), Avilés (onde residía desde a súa xubilación) e Ferrol, no que pasou traballando moitos anos. Durante esta longa etapa ferrolá impulsou a creación, e presidiu, a Asociación Asturiana de Ferrolterra “Peña Les Fabes”, desde a que se fomentan os lazos de irmandade entre os pobos galego e asturiano. Contribuiu ao irmandamento entre as agrupacións musicais Coro do Centro Asturiano da Habana en Avilés e a Agrupación Artística Bohemios de Ferrol, e colaborou coa Sociedade Artística Ferrolá. Pintor de retratos, estampas mariñeiras, agrupacións musicais, reproducións de obras de pintores clásicos, carteis… Parte desta obra decora o Bar Anca das súas adoradas Marina e Maribel en Ferrol Vello, e no restaurante Casa Tataguyo, en Avilés, están os retratos que antes colgaron das paredes do desaparecido El Llagarón. A derradeira vez que nos vimos foi precisamente nesta cidade, acompañado da súa muller Soledad e do seu íntimo amigo José Francisco Álvarez-Buylla. Xuntos, tivemos o privilexio de vivirmos uns momentos especiais na igrexa vella de Sabugo ao escoitarmos, ao vivo, a interpretación de Negra Sombra por José María Martínez Sánchez, organista da igrexa e director da Orquestra Sinfónica Julián Orbón. A nosa despedida foi no Parque do Muelle, a carón do monumento ao mariño Pedro Menéndez de Avilés. Alí ficou coa súa inseparábel pipa e un porte distinguido como disposto para iniciar unha travesía final cara ao infinito.
 Descanse en paz este honorábel embaixador permanente de Ferrol en Avilés. Sempre lembraremos a túa honestidade e o cariño que nos deches.
 

Querido Luis

Te puede interesar