Hai poucos días que, desde a Asociación da Prensa da Coruña, me solicitaron unha breve glosa da figura de quen foi meu benquerido profesor nas aulas da vella e desaparecida Facultade de Filosofía e Letras, meu director da tese de doutoramento, meu xefe de Departamento, meu mestre e meu amigo: o doutor don Ricardo Carvalho Calero. Na altura en que eu fixen os estudos da licenciatura, o céntrico edificio, que hoxe ocupa a Facultade de Xeografía e Historia, era coñecido como a Universidade, porque albergaba as dependencias da Reitoría, o Paraninfo e a Biblioteca Central, ademais das Facultades de Dereito, na planta baixa, e de Filosofía e Letras no primeiro andar. Aínda que, como non podería ser doutra maneira, para trazar unha breve biografía do profesor Carvalho non preciso máis que poñerme a iso, a centrarme no asunto, decidín botarlle unha outra ollada a algunhas das cousas que teño reunido sobre a interesante faceta de colaborador na prensa que desenvolveu ó longo de case toda a súa vida. E nesa revisión volvín reparar nalgúns textos e deles particularmente nun que considerei que aquí e agora, neste tempo preelectoral que estamos padecendo, podería ser, se non interesante, cando menos curioso reflectir nestas liñas. O artigo é “Stalin y Trotsky. ¿La Revolución desfigurada?” e ven sendo unha reseña ou recensión breve da tradución ó español, asinada por J. G. Gorkin, da obra de León Trotsky La Revolución desfigurada, aparecida en Madrid en 1929. Como é máis que sabido don Ricardo nacera no barrio de Ferrol Vello en 1910 e, en consecuencia, acababa de facer os dezanove anos cando vai dar conta do tema nas páxinas da prensa. Pero foran anos moi ben aproveitados: xa iniciara os estudos do cuarto ano da licenciatura de Dereito en Compostela, xa era membro da prestixiosa institución que foi o Seminario de Estudos Galegos ou xa dera a luz, o ano anterior, o seu primeiro libro, os versos de Trinitarias. Nesta recensión dun texto cento por cento político, o futuro profesor manifesta a imposibilidade de que na España dese tempo calquera lector interesado puidese formarse unha opinión imparcial sobre cal deses personaxes, Trotsky ou Stalin, representaba , non xa unha concepción pura do leninismo, senón unha realización honrada da política. E iso non podía ser doutra maneira porque as fontes de información sobre a Unión Soviética non só eran escasas senón tamén parciais. Segundo el, e despois de poñer de relevo que en España os simpatizantes da Revolución de Outubro supuñan unha minoría insignificante, esas informacións non podían levar ós interesados en xeral polo asunto a decidirse a crer que a situación en Rusia era tan deplorable como a pintaban os medios de comunicación, cando o propio Jacinto Benavente declaraba que en Leningrado a vida era tan normal como en calquera outra cidade do mundo. Con ese panorama, o “encumbrado” Stalin ou o “expulsado” Trotsky, porque ambos pretendían ser marxistas leninistas e persoas honradas. Neste libro que Carvalho Calero comenta, Trotsky denunciaba que o triunfo de Stalin se producira mediante falsificación e engano e pretendía probar que a política de Stalin era francamente oposta á de Lenin e que este, pouco antes de morrer rompera con Stalin, por considerar que podería chegar a ser funesto para o partido. O noso paisano estudante de Dereito tira a conclusión de que deixara a obra coa impresión de que Stalin, Bujarin e compañía eran unha partida de canallas e desvergoñados; de que a ditadura do proletariado retrocedera; de que o Estado ruso se burocratizara e aburguesara e de que a Revolución se desviara. A el parécelle que, como persoa, Trotsky é máis honrado, mais ten a dúbida de cal das dúas políticas contrapostas pode ser a máis adecuada para continuar a obra de Lenin. Sei que don Ricardo Carvalho era un intelectual con grande e ampla formación, o que non pode estrañar á vista da multiplicidade de lecturas que devorou desde neno. Sempre fai moita falta que abonden xentes así, mais, por desgraza, hoxe por hoxe son fabas contadas.