Miña vila someteuse a un proceso de maquillaxe coincidindo coa celebración das súas festas: a do “Polbo” considerada de interese turístico e a do “Carme” a xenuína festa do verán que reunen en Mugardos a milleiros de visitantes e polo tanto é bo adecentar, limpar e poñer todo a punto para causar boa impresión aos que pasan por aquí. Sempre que se aproximan as festas ven ao meu amaxín a canción “Fiesta” de Serrat, aquela que di: Gloria a dios en las alturas/ recogieron las basuras/ de mi calle ayer a obscuras / y hoy cubierta de bombillas...” absolutamente representativa dunha realidade antropolóxica. Temos e debemos causar boa impresión meus amigos e nesas estamos. Calquera excusa é boa, e a das festas está en primeira liña, para lavarlle a cara a Mugardos, dotala dese maquillaxe que lle disimule as engúrras e a branca palidez adquirida no longo tempo de invernía. Todo iso está moi ben e lémbrame aquela antiga costume que había nos fogares de poñer na cama as mellores sabas, bordadas a ser posíble, para cando viña de visita o médico, baño impoluto e pastilla de xabrón a estrear; logo diso volvíase á sinxela normalidade, e dicir: fora os bordados e retorno as sabas “mondas e lirondas”. Se ben estaba nun tempo dar unha boa imaxe de pulcritude temporal no fogar ben está tamén andar na procura do adecentamento, tamén provisorio ( iso teríamolo que cambiar), da vila pensando nos que veñen de fora, un aderezo estético do que, namentres dura, nos beneficiamos os que aquí vivimos todo o ano, pero mellor estaría que estas accións de adecentamento tivesen unha periodicidade que fose máis aló das festas do verán. Si, séino, sei que é moi fácil ver os touros desde a barreira. Non é o mesmo predicar que dar trigo. A gobernanza non é doada e moito menos facelo a gusto de todos pero o que si se antoxa necesario é pensar en “todos” á hora de decidir. Xa estamos en festas, nas nosas festas. En xeral o programa preséntase atractivo e tan só cabe que os que veñen de fora e os que aquí residimos nos sintamos ben , que os que nos visitan se vaian satisfeitos e con ganas de volver e os que aquí quedamos, fiquemos contentos porque estes días supoñen unha inxección de vida para a vila malia as pequenas incomodidades que para algúns coma min non viven as festas coa mesma intensidade que os máis. Seguro que van mellorar as do ano pasado así que o mellor é que veñades e comprobedes in situ a hospitalidade desta vila pulpeira por natureza.