De xustiza

este xoves que ven o cemiterio de Narón vai acoller os restos mortais de Vicente Peña Tarrassa poñendo fin a sesenta e nove anos de preocupación familiar.  Lembremos que, hai algo máis de dous meses- o 28 de xullo-, no Auditorio de Bembibre, Val do Dubra, lles foran entregados ás familias os restos de José María Castelo Mosquera, Manuel Pena Camino, Vicente Peña Tarrasa  e  Manuela Teiga, que foran atopados no adro da parroquial de Santa María de Paramos, nunha foxa após unha exhumación iniciada a finais de outubro de 2016. Os homes eran membros do destacamento “Manolo Bello” da IV Agrupación Guerrilleira e a rapaza unha sobriña da habitante da casa que lles servía de refuxio, na parroquia nicrariense de San Pedro de Zas, onde foran descubertos na mañá do 5 de marzo de 1949. Conseguiran safarse, mais finalmente serían abatidos pola Garda Civil nos montes do Paramo, no camiño de Portomouro a Santa Comba. Os cadáveres foran levados á igrexa parroquial, onde, despois de estaren expostos na caseta do cemiterio, foron soterrados e alí permaneceron, cubertos pola herba e as flores ventureiras, durante máis de sesenta e sete anos, ata a citada exhumación.
Por Manolo Casal –irmán de Ánxel, o asasinado alcalde de Santiago–, con quen tiven amical relación nos últimos anos da súa vida, finais dos 90, souben por vez primeira das dificultades e problemas que lles traía ás familias facerse cos corpos dos falecidos violentamente. Iso, se chegaban a saber onde se atopaban, que non sempre era así, sobre todo nos casos de paseos. No caso de Ánxel Casal ou do artista ferrolán Camilo Díaz Baliño desde hai uns anos sendos monólitos lembran o lugar onde os seus asasinos abandonaran os seus corpos sen vida: a Estivada da Ribeira, Montouto (Teo) e o lugar de Saa, na parroquia de Meixide (Palas de Rei), onde cada ano son lembrados.Outro tanto acontece cos guerrilleiros, tamén da IV Agrupación, Manuel Ponte Pedreira, Manuel Díaz Pan (“Rogelio) e Manuel Rodríguez (“o Asturiano”), abatidos pola Garda Civil, na mañanciña  do 21 de abril de 1947, no lugar do  Fontao (Frades), como lembra un monólito alí colocado. Foran soterrados no cemiterio de Abellá. Citei estes casos porque teño acudido en diversas ocasións aos actos de homenaxe, como tamén irei dentro duns días a Narón. Todos morreron “en defensa da liberdade”.

De xustiza

Te puede interesar