Lembro que, hai moitos anos xa, o entón alcalde da cidade Xaime Bello gustaba de se dirixir á xente, ao menos na campaña electoral, falando de como vía a cidade nun futuro. Gañas de que Ferrol e a súa comarca prosperen e medren como ben lle corresponde nunca faltaron. Xa dixen que daquelo hai moitos anos e que ás pequenas cousas, que tamén teñen a súa importancia, algún papel xogarían neste medrar, aínda que seguen a ser insuficientes para tal achegar. Mais non desespero, se acaso un chisquiño porque algo de todo elo gostaríame ver antes de pasar ó outro barrio, xa que vou vello. Pero non por chamarme Cándido penso que o sou. Xa o dicía algún que outro xornalista, tamén hai moitos anos, para resumir o estado xeral de Ferrol –como se dito estado fose o da nación–, que aquí, para crelo hai que velo. Outra cousa non hai, así que de ilusións saio cheo tódalas mañáns á rúa.